Reinventándose para capear a pandemia: presentación literaria por pases para cumprir co aforo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A 'nova normalidade' que veu para quedarse pola pandemia do coronavirus está obrigando a os negocios de Pontevedra a reinventarse para intentar 'capear' o temporal e seguir garantindo a súa viabilidade nas novas condicións de seguridade e hixiene. Un deles é a taberna cultural 'Entre Lusco e Fusco', que este venres organiza unha presentación literaria moi particular. Para adaptarse as esixencias do momento, farana cun aforo moi reducido e varios pases.
As restricións derivadas da pandemia reducen o seu aforo e a súa capacidade habitual para 32 persoas ten que quedar reducida a oito. O número resulta, polo tanto, tan reducido que levou ao seu propietario, Ismael Carreira Seoane, a tirar de imaxinación e buscar unha solución. Atopouna en facer fases e a presentación será, na primeira convocatoria, ás oito da tarde, pero repetirase media hora despois "ata facer dous, tres ou catro pases, os que faga falta".
Os asistentes sentarán en cadeiras situados cunha distancia de dous metros e será obrigatorio ter as máscaras postas e usar os xeles hidroalcólicos situados na porta e nos aseos. Ademais, Ismael insiste moito en "pedir á xente que sexa responsable".
As actividades culturais non son nada novo para esta taberna, xa afeita a realizar presentacións, exposicións e outro tipo de citas, pero si a maneira de realizalas. "Con estas limitacións da Covid-19, hai que reinventarse, como estamos a facer todo", explica Ismael que agora apostará por actos con menor asistencia.
A pandemia e as súas limitacións xa obrigaron a reducir a capacidade habitual do local, que separou as súas mesas e pasou de non dar servizo de mesa a levar as consumicións a todos os clientes. Ademais, optou por non organizar outro tipo de citas culturais máis multitudinarias e "tirar por eventos máis pequenos, con aforos moito máis pequenos, seguindo as medidas de seguridade".
Nesta ocasión, a presentación literaria xirará arredor do libro Madrid 2043, de Alejandro Rodríguez Robledillo, unha obra na que se respira 'Covid', pois está ambientada nun futuro dividido entre persoas inmunes e non inmunes a un virus que reduciu a poboación e cambiou a súa forma de interactuar. Os abrazos, os bicos, o contacto físico son neste novo mundo vistos como asquerosas costumes dunha sociedade primitiva xa case esquecida e, para velar polo cumprimento das normas de hixiene, Minerva, un algoritmo, vixía a todos os cidadáns e decide quen é digno de entrar nun programa de inmunización.
Lonxe de ser unha distopía sobre unha enfermidade, Madrid 2043 é unha distopía sobre o control social, a pobreza e a marxinalidade, "un cru reflexo de nosa propia sociedade nun futuro que descubriremos que non é futuro, senón o noso presente", segundo sostén a sinopse.
En 'Entre lusco e fusco' están xa adaptándose a esta 'nova normalidade'. Abriron a principios de xuño e desde ese momento están a notar que "a xente ten gañas de volver a saír e socializar". Están a ser moi estritos no cumprimento das medidas esixidas polas autoridades sanitarias e insisten en que toda a clientela o sexa.