O XXIII Premio Johán Carballeira de Poesía xa ten gañador, Marcos Abalde
Por Redacción
Marcos Abalde Covelo é o autor gañador do XXIII Premio Johán Carballeira de Poesía pola súa obra 'Alcatrán'. O xurado deste premio que convoca o Concello de Bueu se reunía este luns e decidía seleccionar este poemario entre os preto de sesenta traballos presentados ao certame.
O autor vigués consegue un premio de 1.500 euros e a publicación da obra a través da editorial Xerais. O xurado formado por Arancha Nogueira, poeta e gañadora da pasada edición; Mercedes Queixas, escritora e mestra de lingua galega; e Lara Dopazo, poeta marinense, destaca o gran traballo léxico que enlaza as historias persoais cunha idea colectiva. Ademais, o xurado tamén tivo en conta a fórmula na que dignifica o local. Trátase de versos concisos cunha elaboración perfecta de fondo e forma.
O xurado tamén quixo mencionar a obra 'Invernía', que chegou ata o final e que consideran un traballo de gran calidade. Por outra banda, a persoa gañadora na categoría de xornalismo dentro deste certame foi a luguesa Nieves Neira pola reportaxe 'A fotógrafa, revelada', que foi publicada no Diario de Pontevedra, e que recolle a vida da fotógrafa Maruja Roca, pioneira en Galicia.