'Únete ao clan dos libros', Barro reactiva a súa biblioteca
Por Redacción
Barro quere reactivar a actividade cultural e social da biblioteca e o préstamo de fondos para fomentar a lectura a través de varias accións promovidas polo Concello de Barro.
Por iso puxeron en marcha unha campaña que comezaba este venres 26 coa actividade 'Aí falaches!' que pon en valor a comprensión lectora. Cada participante elabora unha frase breve dentro desta proposta para indicar as diferenzas entre a escritura correcta e a comprensión adecuada dos textos.
Cada participante pode levar unha camiseta coa frase ' Aí falaches' previo envío das propostas, identificadas co seu nome. E realizarase un seguimento da actividade a través das redes sociais.
A outra iniciativa leva o nome de 'Únete ao clan dos libros' e centrarase no préstamo de libros. Cada participante poderá recoller unha bolsa do Clan, preparada polo persoal da biblioteca cunha contido sorpresa adaptado a cada lector. Presentarase cun agasallo en forma de marca páxinas coleccionables con sete modelos distintos nos que se ofrecerán datos sobre a historia do municipio.