A Casa Museo de Colón únese á Rede de Espazos de contido Museístico Atlántico
Por Redacción
A Casa Museo de Colón pasará a formar parte da Rede de Espazos de Contido Museístico Atlántico (REMA). Esta proposta, impulsada polas concellerías de Turismo, dirixida por Silvia Díaz, e Pesca e Marisqueo, coordinada por Chelo Besada, foi aprobada por unanimidade no Pleno ordinario do mes de maio.
A través desta rede preténdese potenciar a transferencia de coñecemento dos territorios costeiros do eixo atlántico, promovendo o desenvolvemento económico do sector turístico, grazas á posta en valor dunha rede de patrimonio etnográfico, cultural, paisaxístico e ambiental cos recursos dos territorios implicados.
A responsable de Turismo, Silvia Díaz, entende que esta adhesión é "unha moi boa ocasión para potenciar o museo" e amósase convencida de que a súa integración na REMA "suporá grandes beneficios no que á súa difusión se refire, sen que supoña, ademais, custe económico algún".
A Casa Museo de Colón cumpre cos requisitos esixidos para formar parte desta rede. A Técnica de Turismo Mónica Neira será a responsable da xestión do museo, mentres que a tenente de alcalde e concelleira de Pesca e Marisqueo, Chelo Besada, será a encargada de exercer como interlocutora política cos Grupos de Acción Costeira do Sector Pesqueiro (GALP).
A iniciativa faise realidade a uns meses vista da celebración do décimo aniversario da Casa Museo de Colón, que foi inaugurada o 23 de novembro de 2010.
Situada en Portosanto e deseñada polo arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro, a Casa Museo de Colón conta con tres andares, que suman preto de 150 metros cadrados de superficie útil. Un dos seus grandes atractivos é a exposición permanente sobre Cristóbal Colón, que ofrece un extenso percorrido pola teoría da orixe galega do descubridor do continente americano. Ademais de documentos e material audiovisual, a mostra ofrece, entre outras cousas, unha réplica, a tamaño natural, dunha carta náutica debuxada polo navegante Juan de La Cosa no ano 1500.
Relacionadas:
-
Unha subvención de 54.000 euros para poñer en valor a Casa Museo de Colón
Por Redacción |
-
Poio presenta o programa dos actos do décimo aniversario da Casa Museo de Colón
Por Redacción |
-
Cultura de Poio traballa na programación do décimo aniversario da Casa Museo de Colón
Por Redacción |
-
Que fan Amaro Ferreiro e Pepe Solla na Casa Museo de Colón?
Por Redacción |
-
Poio deseña unha programación especial para o décimo aniversario de casa museo de Portosanto
Por Redacción |
-
Máis de 300 persoas visitarán a Casa de Colón en Poio antes de 2020 a través de Depotermal
Por Redacción |