Producir, producir e producir. Horas, horas e horas é a evidencia que deixa Brais Orx. Así se chama artisticamente e está practicamente inmerso día e noite en crear música electrónica desde a súa casa, Xustáns, en Ponte Caldelas. Sacámolo de alí para que comparta A Playlist que, como non podía ser doutra forma, é un abecedario de produtores e dj' s de dance e electrónica, entre os seus múltiples xéneros, subgéneros, versións, mixes e remixes.
Aínda que poida resultar chocante, foi un dos seus profesores de frauta no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra, quen lle levou ata estes estilos; aínda que o seu oído xa sabía o que era, anos antes, polas casettes do seu pai. Dez anos de formación musical clásica, pero sente que o seu está entre programas de computador e sintetizadores para "crear as miñas propias harmonías". 'Bicho' foi a primeira como lembra en PontevedraViva Radio.
Como Dj tivo unha ocasión que lembra perfectamente - aínda que só sexa polos seus vinte e dous anos, sería imposible esquecelo -, en Máxima FM. En realidade foron dúas ocasións, a primeira no Instituto de Ponte Caldelas onde estudou. Mira ao futuro e confía en que chegará "esa recompensa" de poder picar ante público.
Como produtor está incluído no elenco da compañía catalá Clipper's Sounds, o selo máis potente en España de música dance e electrónica. O próximo día 17 estreará tema 'Gotta go home'. Hai máis perspectivas profesionais, pero a prudencia faille reservarllas.
Brais Orge Garrido tamén pensa noutra alternativa de futuro, a de ser policía, aínda que por agora o de opositor, polas circunstancias actuais, está en pause. Mentres tanto, nas plataformas dixitais vai sumando e sumando seguidores, eminentemente de fóra de España.
Dani Ávila é o único dj neste país que está entre os cen mellores do mundo e segundo a publicación especializada ' DJ Mag'. O tempo dirá se este pontevedrés tamén logra o seu oco.