Acústicos de Rayden e Arco para o MicroSonRías, a alternativa ao SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño
Dous concertos "desenchufados pero amplificados" e sorpresas musicais en espazos singulares da vila. É o que ofrecerá a alternativa que o SonRías Baixas deseñou ante a cancelación do festival pola pandemia do coronavirus. Trátase do programa MicroSonRías.
O recinto da Estacada volverá a encherse de música durante os días previstos para o festival. Así, o venres 31 de xullo soará o rock de acento flamenco do carismático cantante, guitarrista e compositor de El Puchero del Hortelano, Arco.
Ao día seguinte, o sábado 1 de agosto, será a quenda do artista urbano Rayden, que encherá co seu enxeño, tenrura e verbo afiado o oco que deixou no calendario de festivais o adiamento do SonRías Baixas aos días 5, 6 e 7 de agosto de 2021.
As persoas que conservaron a súa entrada para o SonRías Baixas 2021 poden mercar xa o seu pase para o MicroSonRías. O resto do público poderá facelo a partir das 12.00 horas de este xoves por 10 euros a entrada para un día e 15 euros o abono para os dous.
O MicroSonRías redefine, ademais, o concepto de destino SonRías, conxugando unha programación musical de calidade cunha coidada proposta de ocio activo, gastronómico y natural, profundamente integrada no territorio.
Así, algúns artistas visitarán algúns dos espazos máis singulares da comarca, onde ofrecerán pequenas actuacións e probarán algunhas xoias da gastronomía das Rías Baixas.