A Deputación investirá 2,5 millóns de euros ata final de ano para "recuperar a cultura en vivo"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou o plan "Re-Acción Cultural" que investirá 2,5 millóns de euros ata final de ano para unha programación coa que se pretende "recuperar a cultura en vivo" unha aposta "para construír futuro".
En rolda de prensa Carmela Silva sinalou que no Goberno provincial "somos conscientes da necesidade dunha reconstrución" tras a crise derivada da pandemia da covid-19 "e hoxe falamos de cultura" que, segundo a presidenta da Deputación "foi o refuxio máis seguro da covid". Por iso agora a administración provincial considera que con este plan "homenaxeamos á súa xente, que nos axudou a saír do encerro".
Carmela Silva proclamou que con este investimento "queremos ir máis aló e mapear a cultura en vivo por toda a provincia, unha pequena gran revolución" cunha programación que "tocará todos os paus" e coa que "queremos prender as luces e encher as butacas"
Inclúe accións cos festivais de música integrados no selo #RíasBaixasFest, aínda que está financiado polo departamento de Turismo e, por tanto, non está incluída nos 2,5 millóns de euros deste plan.
Ademais retómase a actividade dos programas "Musigal", onde 21 grupos actuarán en 45 concertos e "Pontegal" con 85 actividades en xullo e outras 85 ata decembro, con outras 283 actividades pendentes de data.
O Plan inclúe axudas ás escolas de música e un ciclo que levará 14 concertos de música clásica a mosteiros, pazos, castelos e relevantes conxuntos patrimoniais de todas as comarcas da provincia. Ao mesmo tempo, engadiu a presidenta, "poñemos en valor os roteiros xacobeos que discorren pola nosa provincia", o Camiño Portugués, o Camiño Portugués da Costa e o Camiño de Inverno.
As artes escénicas tamén ocupan un dos capítulos destacados deste plan, con numerosas disciplinas e moitas actividades infantís. Así, co nome de "Prendendo Butacas" organizaranse dez funciones de teatro profesional, ademais achegaranse axudas para o desenvolvemento dos festivais de artes escénicas.
Tamén se organizarán roteiros de arquitectura, con percorridos que implican a "grandes eruditos" como arquitectos, construtores, canteiros, escultores e retablistas. Son cinco roteiros: "Pontevedra, Poio, Lérez"; "Deza e Ulla: Pazos e templos"; "Tui: cidade erguida sobre o Miño"; "O Salnés: Pazos e templos" e "Vigo: Pazo de Castrelos". Celebraranse de setembro a outubro.
Para a produción audiovisual preténdese axudas aos festivais de cinema cunha "marca de calidade" e a redacción dun protocolo fronte á covid-19, así como unha promoción atemporal, e axudas para custear os gastos derivados de eventos aprazados ou os ocasionados pola adopción de medidas sanitarias. Son festivais como o de Cans (Porriño), Play Doc (Tui), FicBueu, Festival de cinema inclusivo de Vigo, Primavera de Cine (Vigo), Curtas Film Fest (Vilagarcía), Curtas Armadiña (Poio), Novos Cinemas (Pontevedra) e Freaky Film Fest (Vigo).
A Deputación tamén establecerá un novo marco de patrocinio para producións e coproducións audiovisuais na provincia de Pontevedra baseado en "o pulo do sector audiovisual galego", considerado como estratéxico na provincia. Segundo detallou Carmela Silva, o obxectivo é a consolidación daquelas industrias audiovisuais competitivas, a procura de excelencia nos produtos culturais galegos e o fomento de espazos expositivos para a promoción destes produtos. Ademais crearase un selo promocional propio e redactarase un protocolo de seguridade común.
Este plan "Re-Acción Cultural" tamén contempla iniciativas como a Escola de Letras que o próximo día 20 de xullo acollerá a masterclass "Poetagrafía. Encontro coa poeta e fotógrafa Patricia Rivas Gallego", será a primeira en celebrarse.
Ademais a Deputación organizará Roteiros literarios por Baiona, Ponteareas, Vilagarcía, Terra de Montes, Vigo e Pontevedra para "coñecer as vilas dos nosos escritores".
Carmela Silva anunciou que buscarán editoriais para que publiquen a novela "Caramomia", un proxecto impulsado pola Deputación na rede Instagram como unha nova iniciativa cultural para implicar á mocidade na lectura a través da publicación por entregas desta historia xuvenil de misterio. Trátase dun proxecto asinado a oito mans por Ledicia Costas, María Lado, Daniel Landesa e O Hematocrítico (pseudónimo de Miguel López).
Finalmente, dentro deste plan, inclúense outras iniciativas como a celebración do Centenario da Xeración Nós, o apoio a varias publicacións, axudas a actividades do tecido social, actividades culturais co tecido asociativo, exposicións por toda a provincia e accións especiais.
Carmela Silva quixo concluír esta presentación na rolda de prensa cunhas palabras do cantante Loquillo, que dixo que durante o confinamento "la cultura fue nuestra gasolina y la música nuestra banda sonora. Ahora necesitamos que el público nos alimente".
Relacionadas:
-
Nova edición de Pontegal, con 600.000 euros para promover a actividade cultural
Por Redacción |
-
Cinema no Camiño fai escala en Caldas coa proxección da película Longa Noite
Por Redacción |
-
Musigal encherá de música as Rías Baixas: Roi Casal en Sanxenxo e 'Son galego, son cubano' no Grove
Por Redacción |
-
O modelo Rías Baixas Fest reinvéntase con espíritu "guerrilleiro" porque "non podemos vivir sen música"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Estiman unha ocupación hoteleira media do 33% en xullo e do 40% para o conxunto do verán
Por Oskar Viéitez |