Cine xaponés e finés para dúas sesións 'extraordinarias' do Cineclube Pontevedra
Por Redacción
Con dúas sesións "extraordinarias". Así retomará o Cineclube Pontevedra a súa actividade en xullo, tras case catro meses de parón obrigado pola pandemia do coronavirus.
Aproveitando a nova normalidade instalada no país, os seus responsables recuperan as súas proxeccións. Iso si, con estritos protocolos de seguridade e medidas de hixiene para protexer aos espectadores que acudan ao Teatro Principal.
A película xaponesa Bo día será, o martes 14 de xullo ás 20.30 horas, a encargada de abrir a programación do Cineclube. Dirixida por Yasujirô Ozu, o filme traslada ao espectador a un tranquilo barrio da periferia de Tokio no que dous irmáns deciden estar en silencio como forma de se rebelaren contra os seus pais, que se negan a mercarlles un televisor.
Toda a comunidade en que viven vese envolvida, directa ou indirectamente, pola actitude dos rapaces que, por enriba de todo, están a cuestionar por que os adultos falan tanto e de cousas tan banais.
Xa o martes 21 de xullo, tamén ás oito e media, será a quenda da película finesa Nubes pasaxeiras, do director Aki Kaurismäki.
Nela, Ilona e Lauri, unha parella como outras tantas, van construíndo a súa vida o mellor que poden. Ela é maître no restaurante Dubrovnik e el conduce tranvías. As letras van vencendo e vense os dous sen emprego con pouco tempo de diferenza. Enfrontarán a indolencia da sociedade ao seu esforzo por refacer as súas vidas.
Para seguridade do público e coa fin de manter a distancia física entre asistentes, o aforo actual do Teatro Principal estará reducido a 70 butacas.
As entradas estarán numeradas e entregaranse na billeteira desde unha hora antes da proxección, se ben os socios poderán reservar o seu asento escribindo a cineclubepontevedra@gmail.com.
Na entrada do Teatro haberá xel hidroalcólico para desinfectar as mans e será obrigatorio o uso de máscara para circular polo espazo.