Intenso programa cultural e deportivo da Deputación para o segundo semestre do ano
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva presentou este venres un intenso programa cultural e deportivo para os segundo semestre do ano.
Enmarcado dentro do Plan "Re-Acción Cultural" a Deputación pretende levar a todos os recunchos da provincia actividades de todo tipo e recuperar os eventos en vivo para o que se destinarán 2,5 millóns de euros. Trátase de iniciativas relacionadas coa música; o patrimonio e os roteiros xacobeos; as artes escénicas; o audiovisual e o cinema; a escritura; ou a celebración dos días especiais.
Neste sentido, Carmela Silva presentou hoxe "Re-Acción nos Castelos" que se desenvolverá no mes de xullo con en o Castelo de Sobroso coa chamada 'Noite no castelo' o día 23 e 'Creando no xardín' o 31. No Castelo de Soutomaior estas mesmas actividades serán: 'Noite no castelo' o 24, 'Creando no xardín' o 30 e ademais 'Música con historia infantil' tamén o 30.
En agosto, no Castelo de Soutomaior haberá contacontos e danza o día 6, e teatro o día 13. No Castelo de Sobroso, haberá música o día 7 e contacontos o 12. No mes de setembro haberá música en Soutomaior o día 17 e teatro en Sobroso o 11.
Carmela Silva explicou que a programación de "Re-Acción nos Castelos" estaba previsto que chegase ata final de ano, pero en previsión das futuras obras no tellado do Castelo de Soutomaior concentrouse a programación de 12 actividades, para as que se abrirá a inscrición a próxima semana na dirección de correo electrónico cultura@depo.es.
A presidenta da Deputación tamén avanzou algúns detalles dos 14 concertos de "Música no Ar" que no mes de xullo contempla actuacións no Castelo de Soutomaior e no Concello de Bueu. Para agosto serán no Castelo de Sobroso e nos concellos do Grove, A Guarda, Covelo, Lalín, Poio e Caldas. En setembro será a quenda de Forcarei, Baiona, Silleda, Agolada e Salvaterra do Miño.
"Serán concertos que non precisan inscrición previa, poderase acceder ata completar o aforo, excepto nos dous concertos dos castelos", indicou Carmela Silva.
DEPORTE
A presidenta tamén dixo que "poñemos en marcha DepoPromo para promover eventos que fomenten a saúde e o benestar, loiten pola tolerancia e a igualdade e fomenten os nosos espazos para darlles proxección" en referencia ás actividades deportivas: Trail League Pontevedra, a Epic Race Pontevedra e Costa Atlántica.
Ademais a Deputación organizou "Rutas Autoguiadas", que segundo a presidenta, son "ideais para amantes de vivir a montaña ao seu aire". Son roteiros por GPS ou aplicacións móbiles, con fichas técnicas que se descargan na web da administración provincial desde o 27 de xullo.
Son cinco roteiros ciclistas BTT polas zonas de Oia-A Guarda, Lalín, Bueu-Cangas, Vigo-Redondela e Valga-Catoira. Outros cinco roteiros de sendeirismo por Silleda, Forcarei, Pontevedra, O Rosal e Mondariz. E tres roteiros de Trail por Moraña, Redondela e O Grove.
Tamén se presentou "DepoOrienta", un novo programa de orientación na natureza que inclúe dúas actividades en setembro, polo Monte do Galiñeiro e polo Monte do Lago de Castiñeiras, tamén con 200 persoas de máximo en cada unha.
Retómanse as "Depoandainas" que percorrerán os Muíños de Fraga, en Moaña (26 xullo), a Fervenza de Calobre, na Estrada (30 agosto) e o Sendeiro das Levadas, en Fragas do Calvo e Deva, concello da Cañiza (20 setembro).
Finalmente Carmela Silva indicou que o apoio da Deputación de Pontevedra ao deporte tradúcese no investimento de 3,6 millóns.