Risas aseguradas o día 19 na Huerta de Caldas co espectáculo de Leo Harlem
Por Redacción
Leo Harlem actuará o 19 de xullo en Caldas. O humorista presentará no local La Huerta o seu espectáculo Deja que te cuente, que servirá para inaugurar un ciclo de monólogos que terá continuidade en próximas datas con cómicos da talla de JJ Vaqueiro, Álex Clavero, Luís Zahera ou David Amor.
Nunha das poucas actuacións que realizará este ano, Harlem repasará durante 90 minutos algúns dos seus mellores monólogos nos que abordará temas cotiáns como a noite, a cociña moderna, os bares, as redes sociais ou as festas do pobo.
O inicio do espectáculo está previsto para as 22 horas. As entradas xa están dispoñibles na súa venda anticipada a través do teléfono 687 138 585 ou no bar Número 2 da rúa San Roque de Caldas, por un prezo de 35 euros. Para garantir o distanciamento social, o aforo é limitado polo que se poderán tamén facer reservas por grupo, cun mínimo de catro persoas.
Poderase adquirir a entrada en despacho de billetes o mesmo día do espectáculo cun custo de 40 euros. Un euro de cada entrada irá destinado ás asociacións benéficas de Caldas.
Co ánimo de amenizar e dinamizar Caldas, a directiva da Huerta puxo en marcha este ciclo de monólogos que se compaxinarán con concertos semanais. O emprazamento estará acondicionado para garantir o distanciamento social e as condicións hixiénico-sanitarias pola crise da Covid-19.