'Auga, o sangue da terra', imaxes de Manuel Valcárcel que fan reflexionar sobre os recursos naturais no auditorio de Caldas
Por Redacción
Manuel Valcárcel é un fotógrafo nado en Monforte e que percorreu medio mundo para buscar imaxes que reflictan a importancia do uso racional e responsable da auga. Agora estas fotos poden verse no Auditorio Municipal de Caldas de Reis, no paseo Román López, ata o xoves 30 de xullo, en horario de tarde.
'Auga. O sangue da terra', ofrece un percorrido que mostra a relación das persoas coa auga a través dunha viaxe por cinco continentes. Valcárcel ofrece esa relación en puntos como Nova Zelandia, a India, o deserto de Atacama, as plantacións de arroz de China ou a conca lucense do río Lor, entre outros puntos.
Desta forma, demostra a traxedia que supón a ausencia de auga e provoca a reflexión entre o visitante para que analice a importancia de coidar a natureza e de comprender o diminuto e dependente que é o ser humano fronte aos recursos naturais.
Para visitar a mostra é necesario reservar hora previamente, solicitándoa en horario de mañá, para evitar aglomeracións de persoas na sala de exposición. Esta mostra reálzase por unha colaboración entre o Concello de Caldas de Reis, Abanca e Afundación.