Sanxenxo e Afundación ofrecen unha homenaxe ao mar, a pé de rúa e a través de fotografías
Por Redacción
A praza dos Barcos de Sanxenxo é desde este mércores 22 e ata o 9 de agosto un emprazamento expositivo ao aire libre. O Concello, Afundación e Lunwerg Editores colaboran para ofrecer a exposición fotográfica de Philippe Plisson 'Vivir o mar' que aúna unha serie de imaxes mariñas de todas as latitudes. Resulta unha homenaxe ao medio mariño e a aquelas persoas que viven do mar.
Na presentación participaban a concelleira de Educación e Cultura de Sanxenxo, Paz Lago; a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores e o director de Zona Arousa- Salnés de ABANCA, Víctor Moralejo.
A mostra componse de trinta e cinco paneis con imaxes e textos. Todos eles articulados en varias seccións: as mil caras do mar, acariñando a terra, construíndo o mar, a conquista do mar, desafiando ao mar, gardiáns do mar e a batalla perdida. As fotografías que se expoñen supuxeron a Philippe Plisson vinte e cinco anos de traballo por cincuenta países.
A exposición pertence á campaña #ComprométomeA da Obra Social de ABANCA, que combina diversas iniciativas de carácter ambiental, cultural e formativo. Neste caso promove a concienciación sobre a importancia dos océanos na vida das persoas e a necesidade de adquirir compromisos concretos co medio ambiente na súa totalidade.
Relacionadas:
-
Os fondos mariños de Sanxenxo, máis preto de toda a cidadanía na Sala Nauta
Por Redacción |
-
O fotógrafo Javier Teniente ofrece imaxes espectaculares na mostra 'Fillos do océano' no Grove
Por Redacción |
-
Caldas de Reis ofrece a mostra fotográfica 'Auga. O sangue da terra' ata final de xullo
Por Redacción |