Cora Velasco e Marcelo Dobode clausuran o ciclo En3vistas: "Daste conta de que o galego é un privilexio"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
A música foi protagonista este venres no peche do ciclo En3vistas impulsado pola Concellería de Normalización Lingüística, con dous artistas moi vinculados á cidade de Pontevedra como Cora Velasco e Marcelo Dobode.
Nun lugar emblemático como a renovada ponte do Burgo, ambos fixeron un repaso pola súa vida e recordos con respecto ao idioma, e explicaron como a súa percepción sobre a lingua foi cambiando ao longo dos anos ata o profundo orgullo por falalo.
"Na miña infancia na casa falaban en castelán, pero despois entre eles se dirixían en galego que é unha cousa que creo que nos pasaba á maioría da xente desta cidade. Despois os que realmente sentimos o galego coma unha lingua propio puxémonos diante dos nosos pais e dixemos, a ver fálame en galego que te entendo perfectamente", relatou Dobode, que pasou a súa infancia entre a Boa Vila e Soutomaior.
Pola súa banda Cora sinalou como un punto importante o seu inicio no teatro con 6 anos, da man de Andrea Bayer: "Eu non adoitaba falar galego na casa, con ela as clases eran en castelán pero as obras eran en galego", rememorou.
Para ambos os dous, músicos de profesión, a influencia dun programa como o Xabarín Club da TVG foi grande. "Foi unha revelación porque empecei a escoitar na casa o que escoitaba as fins de semana no pobo, eu era fan de Heredeiros, de Berrogüeto...", asegurou Dobode. Tamén de Aerolíneas Federales, por iso no medio da charla ambos os intérpretes tocaron aquel 'Non todo é o que parece' que tantos nenos escoitaron unha e outra vez no programa infantil.
Outra parada entre tanta reflexión foi para que Marcelo Dobode tocase a peza en honra a Rosalía recollida no seu disco 'Turoqua'.
O músico quixo resaltar por outra banda que "teño a experciencia de viaxar polo mundo e que a xente me pida que lle fale en galego", por iso "daste conta de que é un privilexio" a pesar dos comentarios que ás veces teñen que soportar por iso.
Cora Velasco pola súa banda explicou que, pese que afai compoñer en castelán, "as dúas cancións que fixen en galego son súper peroais", e nese terreo íntimo non dubidou sinalar que "se tivera cativos intentaría falarlles en galego porque é unha pena que se perda. Se non o fixeron comigo debería tratar de aprender dos erros para legar esta herdanza tan preciosa".
Reflexións de dous pontevedreses do mundo da música e orgullosos da súa terra e o seu país. O broche a todo iso, con guitarra en man, tiña que ser tamén musical, cun canto a Fisterra e polo suposto á Boa Vila, que "dá de beber a quen pasa".
Relacionadas:
-
Sés, Ledicia Costas e Ángel Carracedo súmanse ao ciclo 'En3vistas'
Por María José Pita |
-
Volve o ciclo 'En3vistas' con Carlos Blanco entre os participantes
Por María José Pita |
-
Cora Velasco, De Vacas e Leilía inundan de ambiente festivo toda Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Adrián Ben pon o punto deportivo ao ciclo En3vistas: "O galego é unha das cousas que máis boto de menos cando estou en Madrid"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Sabela Ramil e Patri Hermida, no ciclo En3vistas: "O galego non implica facer unha soa música"
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O cociñeiro Javier Olleros e o promotor cultural Kin Martínez promoven a lingua galega en En3vistas
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A actriz María Mera, primeira entrevistada en En3vistas: "Hai que falar galego e ensinar aos que veñen detrás"
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Cinco entrevistas na rúa para demostrar que o uso do galego tamén é sinónimo de éxito
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |