Así será a nova edición do CanteiraFest
Por Oskar Viéitez
A Asemblea da Mocidade de Vilaboa, ven de rematar a programación da nova edición do festival que organiza na canteira de Paredes, o CanteiraFest Confinado.
Para este ano 2020, enmarcados na crise da Covid19, as organizadoras do CateiraFest, veñen de deseñar unha programación para os días 18 e 19 de setembro, adaptada ao momento actual cun formato a pequena escala, con aforo limitado a 600 persoas por día.
Por primeira vez saen á venda as entradas en tres formatos, co fin de poder facer un control de acceso adecuado e manter o aforo indicado. Haberá unha entrada de 5 euros para un dos días do festival, un bono para os dous días por un valor de 7 euros; e por último, o terceiro formato, será o aluguer dun recinto demarcado para un grupo de 10 persoas.
As entradas poderanse adquirir a través da plataforma virtual enterticket.es.
Como nas anteriores edicións, a formación en feminismo será un piar fundamental do evento, artellando diversos coloquios sobre os distintos modos de ser muller, facendo fincapé nas mulleres transxénero e as súas demandas.
A asistencia ao evento será, obrigatoriamente, portando mascarilla e medirase a temperatura en varios puntos do recinto, cun termómetro dixital, aportado pola Deputación de Pontevedra.
Contarán cun elenco de artistas eclectico, dando cabida a novas formacións e artistas. Así para este ano contarán con: Xabier Diaz e as Adufeiras de Salitre, Zeltia irevire, Verto, Paula Docampo DJ, Bravatukas, Pauliña, A Rabela, Cuarta Xusta e Lidexia, na parte musical; e ábrense a escena teatral con Ibuprofeno Teatro con O Furancho. Asemade, tamén contarán coa participación de Migallas, para os máis pequenos da casa, que terán a entrada de balde até os 12 anos.