O MicroSonRías demostra que a cultura é segura tamén en época de pandemia
Por Redacción
O MicroSonRías Baixas pechou este sábado en Bueu tres días e dúas noites de experiencias musicais, naturais e gastronómicas colgando o cartel de "Sold Out" e demostrando que a cultura é segura, tamén, en época de pandemia.
O público respondeu con entusiasmo e respecto polas normas á proposta de pequeno formato ideada pola organización do Festival SonRías Baixas para encher o oco creado na vida cultural da vila e mais no calendario de festivais de Galicia polo adiamento da 18ª edición do festival aos días 5, 6 e 7 de agosto de 2021.
Os convites para as actividades do Destino SonRías, en lugares singulares da localidade, esgotáronse en poucos minutos a mesma mañá do seu lanzamento. Un público composto en grande medida por veciños de Bueu, pero tamén por xente do resto de Galicia coñeceu de primeira man a natureza, o patrimonio e a gastronomía das Rías Baixas, explorando os muíños do Río Bispo, a parroquia de Santa María de Cela e a Illa de Ons, saboreando o Polbo das Rías, o Mexillón de Galicia, o Pan Galego e o viño Tinta Femia e escoitando os microconcertos de Mounqup, Rayden e Arco en recunchos inesperados.
Colgaron, tamén, o cartel de "Sold Out", os concertos "desenchufados pero amplificados" programados pola organizacións as noites do venres e do sábado nun Recinto da Estacada adaptado ás circunstancias da "Nova Normalidade". O público gozou cos concertos acústicos deseñados para a ocasión por Arco e Rayden, respectando en todo momento as indicacións da organización, que quere destacar o compromiso do sector cultural e do seu público cos protocolos impostos polas autoridades sanitarias.
A organización dispuxo 800 cadeiras no mesmo espazo que en edicións anteriores congregara simultaneamente entre 7.000 e 8.000 persoas, o que permitiu que o público puidera gozar da experiencia en pequenos grupos de ata 5 persoas mantendo en todo momento o uso da máscara e a distancia de seguridade entre os grupos.
A organización destaca que a colaboración do público, tanto nos accesos ao recinto como na súa evacuación foi "exemplar" e que tamén o foi o seu respecto polos fluxos deseñados para evitar as aglomeracións e os cruces entre as persoas, á hora de achegarse á barra ou aos baños.
Dende Play Plan, a produtora responsable da organización do evento, destacan tanto a "capacidade do sector para adaptarse ás novas circunstancias" como o "cariño e o entusiasmo do público, que non só ofreceu a súa confianza acudindo e respectando en todo momento as indicacións de seguridade, senón que o fixo de bo grao, bailou aínda estando sentado e que coreou as cancións dende os seus asentos".
O SonRías Baixas congregou o pasado ano en Bueu a 22.065 persoas, xerando na comarca un impacto superior ao millón de euros. "Aínda que este verán non puidemos achegar esa riqueza económica e cultural á nosa terra", lamentan dende a organización, "si que puidemos cumprir o noso obxectivo de ofrecer a nosa creatividade na forma dunha proposta “micro”, pero moi coidada, que nos permitiu compartir con parte do noso público o noso amor pola música, sen poñer en risco a súa saúde, nin a dos artistas, nin a do resto das persoas que colaboran co festival, nin a das veciñas e veciños da vila".
"Co MicroSonRías demostramos que co apoio das institucións patrocinadoras a cultura sigue sendo atractiva para o público e que, ademais, é segura", conclúen, "e isto é o máis importante para nós".
O MicroSonRías está organizado por PlayPlan e conta co patrocinio do Concello de Bueu, de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra e de Fest Galicia e Xacobeo 2021, da Xunta de Galicia.
Relacionadas:
-
Bueu cambia a cita gastronómica por unhas xornadas sobre pesca para seguir exaltando o polbo na era da Covid-19
Por Redacción |
-
Trece salas da provincia acollerán ata outubro os concertos do programa Directos Xacobeo'21
Por Redacción |
-
Xa poden mercarse as entradas e abonos para o FICBUEU 2020
Por Redacción |
-
Arco, Rayden e Mounqup, nun MicroSonRías "desechufado pero amplificado"
Por Alejandro Espiño |
-
Acústicos de Rayden e Arco para o MicroSonRías, a alternativa ao SonRías Baixas
Por Alejandro Espiño |