Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero actúan o sábado na área fluvial dos Albariños en Cuntis
Por Redacción
O sábado 8 de agosto, a partir das 21.00 horas, os músicos Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero presentarán o seu novo espectáculo 'Concertados' na área fluvial dos Albariños, que se atopa na aldea cuntiense de Guimarei.
Os dous músicos con ampla carreira no folclore galego interpretarán un conxunto de obras da música tradicional. Entre outros traballos, o público asistente poderá gozar da Muíñeira de Cuenca, Alborada de Verín, Xota para Ourense, Pasodobre da Fraga, Rumba de Juanito do Carballal, Xota de Forcarei ou da Foliada de Carril.
Ambos os intérpretes combinan con mestría máis dunha decena de instrumentos melódicos e outros tantos instrumentos de percusión cos que interpretarán as pezas durante este concerto nun espazo natural.
O Concello de Cuntis lembra que o espazo estará limitado evitando aglomeracións e o concerto desenvolverase atendendo a todas as medidas sanitarias garantindo a seguridade e a prevención fronte á enfermidade da Covid-19. Por este motivo, o público asistente está obrigado a utilizar máscara e a manter a distancia interpersoal. Nas instalacións poderase acceder a xel higienizante no momento da entrada.