Caldas, desde outra perspectiva coas 20 interencións artísticas de Kaldarte
Por Redacción
Caldas de Reis xa respira arte polos catro costados. Como cada verán, ese ambiente artístico chega da man do Festival de Arte Público 'Kaldarte', que este venres, despois dunha semana de traballo, celebrou o seu tradicional paseo interpretativo.
O paseo deu por inaugurada a 23 edición da mostra, na que sete creadores crearon máis de 20 intervencións esparexidas por todo o casco urbano, enriquecendo as rúas e espazos públicos de Caldas.
Os artistas participantes nesta ocasión e as súas creacións foron Anubis Muños 'Oculi silvam', Juan rivas 'Pintura no lugar', Lucía Romaní 'Al Clareo', Neru Herreros 'Materraoska' e os muralistas Nove Noel, Pelucas e Peri Helio.
As intervencións foron de diferente natureza, con especial protagonismo para a creación mural e as ilustracións que quedaron integradas no contexto urbano. As obras poden contemplarse en lugares diversos como o Xardín Botánico, A Carballeira, a Ponte da Ferrería, a Ponte Romana do Bermaña, o skatepark da Tafona, así como en diferentes sinais, postes, muros e mobiliario urbano esparexido por toda a vila.
A deste 2020 é unha edición marcada pola Covid-19 na que a prioridade foi a seguridade. O coordinador do certame, Juanjo Fuentes, explicou este venres que se trata de creadores que xa participaran en anteriores edicións, debido a que a crise sanitaria "condicionou por completo o festival" e "para facelo máis viable optamos por persoas que xa coñeciamos como traballan". Esta circunstancias permitiu observar a súa evolución artística e os cambios que a nivel estético foron moi grandes.
Como vén sendo habitual, os artistas traballaron na vila durante toda a semana interactuando coa veciñanza que volveu mostrar moito interese nas súas creacións e puxo á súa disposición os seus propios espazos.
O vicedecano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Javier Tudela, participou na inauguración e puxo de manifesto que "Kaldarte non é unha anécdota", senón que na súa longa traxectoria constituíuse como un auténtico laboratorio de arte no espazo público e "nunha referencia para as investigacións neste xénero artístico" grazas aos 23 anos ininterrompidos de certame e aos 338 artistas participantes e máis de 300 obras.
O alcalde, Juan Manuel Rey, mostrouse "moi orgulloso" de que Caldas acollera un ano máis, a pesar das circunstancias actuais tan especiais, a un gran grupo de xente creativa e cunha visión tan rompedora.
Relacionadas:
-
O artista Peri Helio pinta un mural nunha fachada de 15 metros en Caldas
Por Redacción |
-
A novena edición do Festival Orixe comeza en Caldas adaptada ás limitacións sanitarias
Por Redacción |
-
Retratos irónicos da paisaxe caldense en elementos do mobiliario urbano
Por Redacción |
-
Cuarta semana do Cultura Quente en Caldas, coa música de Froján e Las Varas e arte na rúa con Kaldarte
Por Redacción |
-
Máis de 100 artistas e 20 agrupacións locais pasarán en agosto polo Cultura Quente 2020
Por Redacción |
-
'Caldas, Cultura Quente' ofrecerá un programa lúdico e cultural adaptado ás limitacións da pandemia
Por Redacción |