As festas patronais de Cuntis, escenario o 17 de agosto do regreso de Igloo
Por Redacción
A banda de Caldas Igloo regresará aos escenarios o vindeiro luns 17 de agosto no veciño municipio de Cuntis. Nesta primeira actuación do verán, contará coas colaboracións de Carlos Uzal (Carliños do Júcar), Manoele de Felisa, Saleta Fernández e Bubimusic, catro voces de Cuntis.
Igloo actuará nas festas patronais ás nove da noite no campo da feira, lugar de costume das festas da vila.
O público de Cuntis poderá gozar, sempre respectando as medidas sanitarias que xa son habituais nos eventos deste 2020, das grandes referencias da banda que lidera Beni Ferreiro, que se atopa no cumio da súa traxectoria profesional e o seu prestixio é recoñecido cruzando fronteiras.
A banda de Caldas aposta polas colaboracións e explora novas formas coas que completar unha personalidade xa conformada e perfectamente recoñecible cada vez que sae a escena. Nesta ocasión, o que fai é poñer o seu bo facer a disposición doutros talentos, nalgúns casos emerxentes e noutros xa de recoñecido prestixio, para ofrecerlle ao público de Cuntis un espectáculo único nun momento excepcional.
As festas patronais de Cuntis deste 2020 estarán suxeitas ás limitacións impostas pola crise sanitaria do coronavirus, pero os novos formatos ofrecerán a posibilidade de descubrir espectáculos como o que Igloo presentará o luns 17.