Kiko Veneno e Marwan encherán a capacidade do parque da Xunqueira nas festas de San Roque
Por Redacción
Este venres 14 comezan as festas de San Roque 2020 en Vilagarcía de Arousa, unha cita festiva que vén marcada pola pandemia da Covid-19 e as medidas sanitarias que obrigarán ao público para asistir sentado aos concertos e con separacións de metro e medio entre as persoas. Os accesos serán controlados e haberá nove persoas acomodando aos asistentes.
Desta forma, o domingo 16, 500 persoas asistirán ao concerto de Kiko Veneno. As entradas xa se esgotaron para os asentos do acústico que o músico catalán ofrecerá no parque da Xunqueira. Tamén Marwan, que se celebrará no mesmo espazo o mércores 19, esgotou as entradas. Para os demais concertos con reserva previa, en todos os casos sempre gratuítos, aínda é posible lograr o acceso ao recinto. É o caso das actuacións de Guadi Galego, Brisa Fenoy, A banda da loba e Susana Seivane.
Desde o Concello pídese que aquelas persoas que conseguisen a súa entrada, se finalmente non poden acudir, que cedan a outra persoa a invitación. Tamén está previsto que o persoal de control, unha vez comezados os concertos, deixen pasar ao público que estea a esperar para ocupar espazos que quedasen libres.
No caso de que se presente a choiva, tal e como indican as previsiónes meteorolóxicas, está previsto que os concertos da Xunqueira se trasladen ao auditorio municipal; os pertencentes ao Son da Casa desenvolveríanse no Salón García e aqueles espectáculos do Festaclown, que se celebrarán na praza da Segunda República pasarían á praza da Peixería.
O pregón destas festas será lido este venres ás 20.30 horas por parte da enfermeira do Hospital do Salnés Ana Romero e polo celador do ambulatorio Luís Portas. A lectura será desde o balcón da casa do concello. Con este acto, o Concello quere realizar unha homenaxe a todos os profesionais sanitarios que loitaron contra a pandemia. Recibirán unha placa de recoñecemento ao seu labor.
Tras o pregón, a banda de música de Vilagarcía interpretará o himno galego, pero este ano non haberá ofrenda floral ao santo, como era habitual nos últimos anos. Ás 21:00 horas está previsto o espectáculo de ventrílocuo Alejandro Guanella no Salón García, e ás 23:00 horas, na praza da Segunda República, a singular 'Historia da Verbena' que porá en escena a Orquestra La Oca.