Vilagarcía anuncia a temporada de teatro no Auditorio, reducido a un terzo do seu aforo
Por Redacción
O Auditorio de Vilagarcía de Arousa retoma a actividade teatral, coa programación de seis obras que conformarán a temporada de outono.
O ciclo comezará cos tres espectáculos suspendidos en primavera como consecuencia do Estado de Alarma. Trátase de "Curva España", de Chévere (o 5 de setembro); "Tabú" de Tarabela Creativa (o 10 de outubro) e "Medida x Medida", de Producións Teatrais Excéntricas (o 17 de outubro).
No mes do novembro haberá dúas funcións, o día 14 representarase o drama de Sarabela Teatro "A lingua das bolboretas" e o sábado 27, "Running", a comedia que presenta De Ste Xeito Producións.
A programación de outono rematará en decembro cun espectáculo infantil que se representará ao inicio das vacacións de Nadal: "A nena e o grilo máis aló", da compañía Urdine (19 de decembro).
Este ciclo de teatro está incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios, grazas ao acordo subscrito entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a concellería de Cultura de Vilagarcía de Arousa. Por este motivo, o prezo xeral da entrada para cada un dos espectáculos é de 5 euros, prevéndose unha tarifa reducida de 3 euros para titulares do Carné Xoven, desempregados e maiores de 65 anos, circunstancias que terán que acreditar presentado o carné xoven, a tarxeta de desemprego e o DNI respectivamente.
As entradas pódense adquirir de forma anticipada a través da plataforma ataquilla.com ou do servizo telefónico do 902 504 500. En caso de non esgotarse antes, tamén se poderán adquirir o mesmo día da función na billeteira do Auditorio a partir das 19.00 horas.
As entradas son numeradas e debido aos protocolos de seguridade, soamente poderá elixirse unha butaca individualizada ou dúas xuntas para parellas de persoas convivintes. Deste xeito permítese manter butacas baleiras de separación entre cada praza individual ou de parella ocupada, así como alternar filas de butacas.
Dado que a programación podería verse alterada en función de novas ordes das autoridades sanitarias ou da evolución da pandemia, como xa aconteceu en primavera, no caso de que algún espectáculo teña que suspenderse, as persoas que xa tiveran adquirida a entrada poderán recuperar o importe das mesmas a través do mesmo sistema de compra.
Ademais de reducir o aforo a un terzo da capacidade, a asistencia aos espectáculos conleva o cumprimento doutras normas de protección fronte á Covid. O público está obrigado a usar máscara, a entrada e saída farase de forma ordenada e por roteiros especificados para evitar cruces e tamén deberán desinfectarse as mans antes de entrar no recinto nos dispensadores de xel habilitados.
Relacionadas:
-
Comedia de Shakespeare na versión actualizada de Quico Cadaval en Vilagarcía
Por Redacción |
-
'Curva España', de Chévere abre a temporada de outono no Auditorio Municipal de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Vilagarcía quere ser 'cidade do libro' cun gran evento multidisciplinar
Por Alejandro Espiño |
-
Leo Bassi e Xoel López, protagonistas nas festas de San Roque
Por Almu Dapena |
-
Cinco espectáculos levarán o máis punteiro do teatro galego a Vilagarcía antes de fin de ano
Por Redacción |