O Revenidas, ante a súa edición máis galega e cun formato "en conserva"
Por Alejandro Espiño
Concertos de pago con actividades gratuítas en distintos lugares de Vilaxoán. E todo, dun xeito controlado, con aforamentos reducidos e coas medidas hixiénico sanitarias pertinentes para demostrar que a cultura é segura. Así será a edición "en conserva" do festival Revenidas.
Serán catro días de música e festa -os próximos 10, 11, 12 e 13 de setembro- dun festival que se reconverte de xeito especial para ofrecer a súa edición máis galega, cun cartel ateigado de artistas do país que encherán os catro escenarios previstos.
Haberá concertos na Praza Rafael Pazos -con dous escenarios-, no Parque de Dona Concha e no Porto de Vilaxóan. Neste último concentraranse os espectáculos de pago, segundo avanzou este mércores o director do Revenidas, Xoán Quintáns.
Estarán protagonizados pola incombustible Sés e o folk e blues/folk de Zeltia Irevire o venres 11, que darán paso á cumbia aditiva de Ortiga e ás letras comprometidas de Dakidarría en acústico o sábado 12. Estes concertos serán para 500 asistentes.
O festival non contará este ano con zona de acampada nin coa súa tradicional sardiñada, pero iso non impide que, ademais destes concertos, haxa múltiples actividades pola vila.
Así, haberá concertos gratuítos de De Vacas + Cuernicornios (o xoves 10 a partir das 21.00 horas) e Quico Cadaval + Monoulious DOP (o sábado 12 a partir das 13.00 horas).
O domingo 13 pola mañá terá lugar a habitual Gala de Circo Revenidas e, xa pola tarde, unha colaboración moi especial que se inicia nesta edición: a Gala Revenidas - Festivala, que o festival organiza en colaboración co Soño de Lilith.
Esta colaboración entre Festivala e Revenidas nace para reivindicar ás nais, ás avoas, ás mulleres que, en definitiva, foron e son conscientes de que o porvir se sustenta no coidado do próximo, e tamén para reclamar o seu saneamento, a protección do noso, a relación sustentable co medio, e a comunidade como fórmulas para construír futuro.
Formarán parte desta gala Lupe Blanco Alba María, Suricar, Rebeca Santos e Aldaolado.
Ademais, estas propostas de programación paralela aos concertos de pago complementarase con outras iniciativas relacionadas co territorio e coa cultura mariñeira da zona, showcookings con produtos galegos e concertos de bandas locais, gratuítos ata completar aforo.
Entre elas están os roteiros Redescubre Vilaxoán ou os concertos, na Praza Rafael Pazos, de Nelson Quinteiro (xoves 10), Peter Punk e a Escola de Pandeiretas Avelaíña (venres 11), O Mago Paco, Gramola e os Terribles de Arousa (sábado 12) ou Perseguidor (domingo 13).
Relacionadas:
-
Revenidas anuncia nova edición para setembro de 2021 e celébrao con tres showcookings
Por Alejandro Espiño |
-
O modelo Rías Baixas Fest reinvéntase con espíritu "guerrilleiro" porque "non podemos vivir sen música"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Revenidas terá formato 'en conserva' en outono e apraza o festival a 2021
Por Alejandro Espiño |