Dani Barreiro, co engadido por parte de moitos amigos de 'o meu', tiña a habilidade de "montar a festa" cando se poñía a tocar entre o seus. Un día de febreiro de 2014 propuxéronlle facelo cobrando. Así empezou outra das facetas profesionais que acumula e á que se dedica actualmente, tanto para público infantil, familiar ou 'adultescentes' que queiran sumarse ao espectáculo de Dani Barreiro and Friends.
A docencia marcou a pauta na familia Barreiro Garrido. Na súa infancia viviu nas casas de mestres do colexio de Carril, onde o seu pai, Emilio, foi o primeiro director. Dani garda infinidade de gratos recordos e agradecemento a todos os profesores que lle formaron. Empezou Inef e tentouno con Historia e esta historia tamén a lembra na Playlist.
Viviu como unha seda e non significa vida acomodada. Foi esforzo, superación, colaboración e compromiso social. A súa "aventura" coa bicicleta xurdiu nunha pista de BMX, sendo neno. Aos trece comezou "o periplo serio" como corredor. Os seus adaíles, Jesús Blanco Villar e Álvaro Pino.
Durante catro anos Dani estivo subido ao tandem, como guía na Fundación Once. Acompañando a Pablo Vázquez viviu a experiencia de participar nos Xogos Paralímpicos de Atlanta, no 96. Sen abandonar o ciclismo, paso a exercer de director deportivo de varios clubs, ata hai oito anos.
Como vilagarcián, pode certificar que estivo presente na primeira das festas da auga en San Roque, cando naquela primigenia ocasión aínda non era unha cita festiva oficial. A súa nai, Pilar, ensinoulle os primeiros acordes coa guitarra, toca ademais o bombo e a pandeireta de pé, a harmónica, teclado, o xilófono e canta; confiensa en PontevedraVIva Radio que ten unha espinita, o piano.
É outro dos músicos ao que o coronavirus puxo o seu traballo do revés. Con todo, esa xanela aberta ao mundo que é internet e as propias xanelas de casa, servíronlle para chegar ao seu público, a eses aplausos que di, tanto bota en falta un artista. Mañá é futuro - aprendeu - e "o primeiro é saúde e habendo saúde, hai que vivir día a día".