O Cineclube volve ao Teatro Principal recuperando as sesións que tivo que cancelar en marzo
Por Oskar Viéitez
O Cineclube volve ao Teatro Principal o día 14 de setembro. Recuperarán as sesións que tiveron que cancelar en marzo: as correspondentes á súa programación dos martes, así coma as que estaban previstas en colaboración co CGAI-Filmoteca de Galicia, que estarán dedicadas este mes ás pioneiras do cinema Alice Guy e Lois Weber.
Continúan con aforo reducido e as medidas de hixiene precisas para que as sesións se desenvolvan de maneira segura. O público asistente disporá de xel hidroalcohólico e será atendido a través da billeteira, que estará aberta unha hora antes do comezo de cada sesión.
O luns 14 ás 20:30 horas está programada "Pioneiras do Cinema: Alice Guy (1873-1968)", unha sesión de curtametraxes de cinema mudo con rótulos en galego. Serán "Greater love hath no man", "Falling leaves", "Making an american citizen", "A fool and his money" e "The ocean waif".
O martes 15 ás 20:30 horas proxectarase "Fourteen" de Dan Sallitt, un dos valores máis sólidos do cinema indie norteamericano, que, malia o seu prestixio internacional, foi até agora un cineasta inédito nas salas comerciais españolas.
O martes 22 ás 20:30 horas proxectarase "Synonymes". Cunha posta en escena enérxica e corporal, e unha visión implacable sobre a violencia estatal israelí, o director deste filme Nadav Lapid gañou con esta historia de tintes autobiográficos o Oso de Ouro na Berlinale de 2019.
O luns 28 ás 20:30 horas está programada "Pioneiras do Cinema: Lois Weber (1879-1939)", co filme "The blot", unha longametraxe de cinema mudo con rótulos en galego.
E finalmente, o martes 29 ás 20:30 horas "A cinsa é o branco máis puro" unha película de Jia Zhangke (Máis aló das montañas, Un toque de violencia), un dos directores chineses máis consolidados e celebrados na actualidade, achégase neste seu último traballo ao mundo das bandas criminais chinesas cunha historia de (des)amor que se estende a través de dúas décadas e que acompaña o devir do paradigma socioeconómico da súa China natal no século XXI.
Relacionadas:
-
Películas de Michelangelo Antonioni, Angela Schanelec e Pedro Costa para o novembro do Cineclube
Por Alejandro Espiño |
-
O Principal retoma a súa actividade cultural co inicio do ciclo Amal en Ruta
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Noite para aterrorizarse na Pedreira con 'Psicose', un clásico imprescindible de Alfred Hitchcock
Por Anxo Lourido |
-
'Cinema na Lúa' recala na praza da Pedreira a partires deste luns
Por Redacción |