Cerdedo-Cotobade convoca un programa de fomento da lectura destinado ao público infantil
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade celebrará en colaboración coa Biblioteca Pública Municipal Rodríguez Fraíz de Cerdedo un programa de fomento da lectura orientado ao público infantil e que se desenvolverá ao longo deste outono.
Esta iniciativa, que se presenta coa denominación 'Cerdedo-Cotobade LEE+', consistirá en actividades de contacontos e obradoiros creativos. O obxectivo é fomentar o hábito da lectura entre os nenos do municipio de 0 a 13 anos de idade.
O proxecto desenvólvese ao abeiro do programa de dinamización 'Ler Conta Moito', promovido pola Consellería de Cultura e a Rede de Bibliotecas de Galicia en colaboración coas entidades locais.
As actividades previstas arrancarán o 17 de setembro co contacontos "A Casiña das 100 Ventás" para pequenos de 0 a 6 anos (12.00 horas) e continuarán cos obradoiros creativos "As Cousas Pequenas Contan" o 2 de outubro (16.45) para cativos de 4 a 8 anos e "Fotoconto" o 16 de outubro (16.45) para rapaces de 7 a 13 anos. Finalmente, a programación pecharase o 23 de outubro (15.00), coincidindo co Día da Biblioteca, co contacontos "A Familia de Tango" para nenos de 4 a 12 anos.
Os contacontos serán de acceso libre ata completar o aforo establecido. No caso dos obradoiros, ao teren as prazas máis limitadas, precisan dunha inscrición previa gratuíta que pode formalizarse na sede administrativa de Cerdedo e na Biblioteca Rodríguez Fraíz ou ben a través dos teléfonos 986 753006 ou 986 753112.
Estas actividades celebraranse ao aire libre nas inmediacións do Centro Cultural de Cerdedo, sempre que non haxa meteoroloxía adversa, para minimizar os riscos de transmisión da COVID-19. Así mesmo, o Concello, que poderá trasladar, aprazar ou suspender calquera actividade se cambian as circunstancias sanitarias, tamén estableceu un protocolo de protección fronte o coronavirus, polo que os asistentes deberán acudir con máscara e respectar os espazos asignados para garantir a distancia interpersoal.
Relacionadas:
-
Cerdedo-Cotobade reforza a limpeza nos seus centros educativos de Educación Infantil e Primaria
Por Redacción |
-
Participantes nun campo de voluntariado elaboran un documento audiovisual para poñer en valor o patrimonio histórico
Por Redacción |
-
Actividades deportivas e de lecer ao aire libre en Cerdedo-Cotobade para facilitar a conciliación
Por Redacción |