Volve o ciclo 'Docs del Mes' coa exhibición de catro exitosos documentais ata decembro
Por Redacción
O Teatro Principal de Pontevedra retoma o ciclo 'Docs del Mes', suspendido tras a pandemia da COVID-19, coa proxección de catro documentais recentemente estreados e en moitos casos recoñecidos con diferentes premios.
A programación retomarase o luns 21 de setembro con Honeyland, de Ljubomir Stefanov e Tamara Kotevska, un filme que narra a historia de Hatidze Muratova, que se dedica a criar colonias de abellas nunha remota rexión montañosa dos Balcáns e os cambios que para a súa forma de vida supuxo a chegada á zona dunha familia nómade.
Ao mes seguinte, o luns 19, poderá verse Marwa. Pequeña y valiente, un documental da directora e produtora xordana de orixe palestina Dina Naser, que retrata a vida cotiá de Marwa, unha nena que vive nun campo de refuxiados de Xordania desde que fuxiu coa súa familia de Siria.
O 16 de novembro será a proxección de Robots. Las historias de amor del futuro, un filme no que a documentalista alemá Isa Willinger reflexiona, a través de casos reais, sobre como a intelixencia artificial e a entrada de robots nos fogares afectará ás vidas das persoas.
Por último, o 21 de decembro será a quenda do premiado documental Overseas, centrado na historia das mulleres filipinas que se ven obrigadas a marchar ao estranxeiro a traballar como aias e traballadoras do fogar, no que a cineasta coreana Sung-A Yoon combina o humor negro e a denuncia social
En todos os casos, as proxeccións, en versión orixinal con subtítulos en castelán, terán lugar ás 20.30 horas e contarán con entrada gratuíta ata completar un aforo reducido de acordo coas normas ás que obriga a crise da COVID-19.