Cantos na Maré deixa Pontevedra tras quince anos e recolócase en Santiago con novo formato
Por Alejandro Espiño
Despois de quince anos de traxectoria na cidade de Pontevedra, o festival Cantos na Maré marcha para Santiago de Compostela. Será cun novo formato que, segundo avanzaron os seus organizadores, terá lugar entre os días 24 e 26 de setembro no Hotel NH Collection.
Renomeado como Maré-Músicas e Artes Atlánticas, este novo formato engadirá foros profesionais e de emprendemento cultural, citas audiovisuais e gastronomía aos concertos de artistas vencellados cos territorios de fala galego-portuguesa, o sinal de identidade do evento.
O festival articularase nas seccións MaréLab, un espazo de investigación para apoiar o crecemento da economía creativa; MaréNet, para situar a Santiago como referencia do negocio das industrias culturais; ou CineMaré, cunha carteleira audiovisual procedente das culturas atlánticas.
Ademais, a oferta complétase con GastroMaré, un encontro entre cociñeiros e música para descubrir novos sabores e produtos; e MaréTV, o apartado audiovisual da plataforma de música Tolemias, desde a que se poderán seguir moitas actividades do festival en streaming.
Así mesmo, intégranse este ano no festival, organizado pola compañía Nordesía, a entrega dos premios da música e da poesía galego-portuguesa aRi[t]mar.
Baixo a dirección artística da cantante Uxía, a carteleira de concertos agrúpase baixo o epígrafe MaréFest e pretende ser un foco de intercambio artístico e creativo, propoñendo a artistas e público ir máis alá da simple suma de actuacións.
O 24 de setembro actuarán Toty Sa’MED, A Pedreira, Paco Cifuentes e Pierre-Yves Rougier; o sábado 25, LaBaq, Faia, Nacho Muñoz e Lar Legido; e o día 26 será a gala Cantos na Maré coa participación de António Zambujo, Sabela, Miguel Araújo e Bifannah.
Relacionadas:
-
'Enredadas' con Carmen París, Martirio, Uxía e Ugía Pedreira pon fin a Cantos na Maré
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Mayra Andrade deixa pegada no seu concerto en Cantos na Maré, que conclúe este domingo con Enredadas
Por Cristina Saiz & Redacción |
-
RADIO.- A mar de cantos volve recalar en Pontevedra
Por Marisa Ciordia |
-
As mulleres comprometidas, protagonistas centrais no 15 aniversario de Cantos na Maré
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |