O programa "Cantares" chega a Caldas para difundir a tradición oral do Camiño Portugués
Por Redacción
O programa Cantares recala o próximo domingo, día 27 de setembro, en Caldas de Reis para difundir a tradición oral das comarcas e vilas polas que pasa o Camiño Portugués. A iniciativa conta coa colaboración do Concello e da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 2021 e da Rede de Dinamización Lingüística.
O evento terá lugar nas Palmeiras ás 18.30 horas baixo todas as medidas de seguridade fronte a covid-19. O concerto será retransmitido en streaming a través da canle de A Disonante Cultural.
O proxecto ten o obxectivo fundamental de ofrecer unha serie de concertos didácticos de pequeno formato en lugares do Camiño Portugués nos que se interpreta repertorio de tradición oral propio destes lugares. A investigación sobre o patrimonio inmaterial do Camiño portugués, a selección do material, o repertorio, o equipo artístico e o diseño do evento están a cargo Leni Pérez, mentres que o equipo artístico seleccionado para este proxecto está formado por Leni Pérez e Roberto Comesaña.
O concerto será de pequeno formato e, neste caso, nun lugar do Camiño tan emblemático de Caldas como é a Praza das Palmeiras. Deste xeito a iniciativa busca obter unha gran difusión do patrimonio oral inmaterial, pois o público destinatario abrangue dende a xente da propia vila como aos peregrinos que fan este Camiño.