Entradas escalonadas, desinfección, ventilación e horarios: así reabre o Local de Música
Por Redacción
O Local de Música de Pontevedra retoma a actividade presencial despois de meses pechado pola pandemia da Covid-19 e faino cumprindo un estrito protocolo para minimizar as posibilidades de contaxios e coa decisión de abrir dúas salas de ensaio, pero manter pechado o estudo.
Segundo deu a coñecer a concellaría de Xuventude, impulsora do Local de Música, tanto os horarios como a dispoñibilidade das salas de ensaio estarán adaptados ao protocolo de seguridade e prevención da Covid-19.
No protocolo de reanudación dos horarios de ensaio establecido polo departamento que dirixe Alberto Oubiña contémplanse 40 horas de atención ao público nas dúas salas.
Os grupos disporán de dúas salas de ensaio que poderán utilizar en horario de tarde de luns a venres e os sábados en horario de mañá e tarde. Durante a semana, o horario de apertura será de 16.00 a 22.00 horas e os sábados, de 10.00 a 14.00 pola mañá e de 16.00 a 22.00 pola tarde.
Os ensaios serán de hora e media e entre cada sesión establécese un intervalo de 30 minutos para desinfección e ventilación.
Ademais, a entrada en cada unha das salas farase de xeito escalonado, cunha diferencia de 15 minutos entre o grupo que utilice a Sala 1 e o grupo que utilice a Sala 2.