Alba González, Ester García, Iván Villarmea e José Manuel López lévanse os IV Premios Mari Luz Morales
Por Redacción
"O audiovisual galego vive unha grande revolución, con proxectos cheos de talento, que están a recibir recoñecemento nacional e internacional, con moito nivel e películas que están xirando por todo o planeta feitas no noso idioma, protagonizadas por persoas de aquí, con guionistas, directores e produtores galegos", enxalzou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, durante a entrega dos cuartos premios María Luz Morales que tivo lugar este martes no Salón de Plenos do Pazo Provincial.
Impulsados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas, a gala foi conducida polo actor e humorista David Amor e amenizada pola música de María Villanueva.
Os galardóns desta edición foron a parar a mans de dous home e dúas mulleres. Na modalidade de videoensaio, o premio foi para Alba Gallego pola súa obra O vídeo esquecido. Mentres que na categoría de videoensayo sobre o audiovisual internacional o distintivo levouno Ester García por Le temps (ne) detrouit (pas) tout.
O premio a mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego recaeu en Iván Villarmea por Leña aos ollos! A paisaxe forestal no Novo Cinema Galego. O último galardón, ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional, foi para Jose Manuel López por Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen.
As persoas premiadas recibirán 1.200 euros e un trofeo conmemorativo ademais de que os ensaios gañadores serán publicados na web da Academia Galega.
Na súa intervención, Silva destacou a figura de Mari Luz Moraless, unha pioneira do xornalismo cultural do século XX. Neste contexto, a presidenta remarcou tamén "o papel que están a xogar as mulleres nesa revolución do audiovisual en Galicia con tantos traballos presentados".
Pola súa banda, a presidenta da Academia Galega do Audioviusal, Ana Míguez, explicou que o obxectivo destes premios é o de "fomentar a investigación do audiovisual cunha perspectiva tanto galega como universal, favorecendo a aparición de novos paradigmas, análises creativas e puntos de vista innovadores dende os que achegarse ao noso patrimonio".