Culturgal 2020 abre o prazo de solicitude de casetas para estar no Pazo da Cultura entre o 27 e 29 de novembro
Por Redacción
Culturgal 2020 mantén a súa programación. Celebrarase de forma presencial entre o 27 e 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra pero incrementará a súa dose online e de streamings para amplificar a difusión dos seus contidos e actividades. A feira estará aberta para o público xeral os días 28 e 29, mentres que o 27 será só para profesionais.
A organización acaba de abrir o prazo de presentación de solicitudes para contar cunha caseta no evento. O cumprimento das medidas de seguridade será obrigatorio, polo que desde Culturgal agradecen de antemán a colaboración dos participantes para facer un evento seguro. O uso de máscara, as distancias de seguridade entre público e persoal dos postos, uso de xel desinfectante e dispoñer de sistemas de pago con tarxeta son recomendacións que todos deben cumprir.
O prazo para inscribirse estará aberto ata o 15 de novembro e para animar á participación, a organización ofrece un 30 % de desconto na reserva de espazos do recinto feiral.
Para esta edición, Culturgal presenta cambios na circulación do público con puntos de entrada e saída diferenciados e coa adquisición anticipada da entrada, que outorgará aos asistentes un horario para acceder por quendas á feira e respectar así o aforo limitado. Os espazos das actividades tamén serán reformulados e recolocados por seguridade.
Durante o mes de outubro os organizadores comezarán a elaborar a programación da feira, na que o número de actividades quedará reducido e darán prioridade ás propostas de empresas e entidades con caseta propia así como os proxectos do trinque.
Relacionadas:
-
Culturgal 2020, sen casetas pola covid-19: haberá actividades en cinco escenarios e tres canles en streaming
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal 2020 abre o prazo para propoñer actividades para o seu programa oficial
Por Redacción |
-
Pontevedra crea un bono para que oito empresas da cidade teñan un stand de balde en Culturgal
Por María José Pita |
-
O 27 de novembro comezará Culturgal cunha mensaxe clara: "En caso de emerxencia, cultura"
Por Redacción |