Pontevedra crea un bono para que oito empresas da cidade teñan un stand de balde en Culturgal
Por María José Pita
A Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, celebrarase na última fin de semana do mes de novembro, entre o venres 27 e o domingo 29. Esta 13 edición está marcada pola pandemia da covid-19, que está a levar ás empresas do sector a unha situación económica complicada.
Neste escenario de crise na cultura, o Concello de Pontevedra anuncia a creación dun bono que cubrirá o custo do alugamento dun stand para que oito empresas culturais da cidade poidan ter presenza no Culturgal, como oportunidade para contactar cos programadores que acoden á feira e dar a coñecer os seus proxectos.
"Nós desde Pontevedra queremos apoiar ás empresas que polas circunstancias económicas nas que estamos seguramente tiveron moitas cancelacións e dificultades para facturar e poder realizar o seu traballo, de maneira que non terán a liquidez suficiente para poder alugar determinados stands no Culturgal, entón vamos nós a coller oito stands de dous por dous e poñelos a disposición de empresas culturais de Pontevedra", manifestaba a concelleira de Cultura, Carmen Fouces.
Fouces lembraba que Culturgal é a única gran feira da cultura que existe en Galicia, e o feito de que se celebre en Pontevedra é unha oportunidade para que as empresas locais poidan ter visibilidade, apoiadas por esta convocatoria pública que abrirá o prazo de inscrición na vindeira semana, a través da web do Concello.
Así mesmo, indicaba que con este bono de alugueiro non só están a apoiar ao tecido empresarial da cidade, senón tamén ao propio Culturgal, xa que o alugueiro de espazos é parte dos ingresos que ten a feira e ante a incerteza de se van poder pechar a contratación de todos os espazos dispoñibles. Calculaba a concelleira que a achega do Concello para estes oito alugueiros será duns 4.000 euros.
Nesta convocatoria quedan fóra as entidades públicas e as organizacións non profesionais, xa que "é un apoio ao sector empresarial da cultura, é dicir, empresas de industrias culturais, ben adicadas á produción, á distribución ou a difusión, dentro do ámbito editorial, artístico, musical, do teatro ou da danza, da produción audiovisual ou multimedia, o deseño, a comunicación e todos os seus ámbitos", anunciaba a concelleira de Cultura, quen engadía que é fundamental que desenvolvan a súa acción cultural en galego.
A maiores destes requisitos obrigados, valorarase a innovación dos proxectos presentados, a traxectoria da empresa e que contemplen a perspectiva de xénero.
Ademais desta oportunidade para as oito empresas mellor puntuadas para ter un stand de seu no Culturgal, a concelleira de Cultura anunciaba que outras iniciativas culturais, proxectos ou empresas de Pontevedra tamén poderán ter o seu espazo dentro do propio stand do Concello.
Relacionadas:
-
Culturgal 2020, sen casetas pola covid-19: haberá actividades en cinco escenarios e tres canles en streaming
Por Alejandro Espiño |
-
Culturgal 2020 abre o prazo para propoñer actividades para o seu programa oficial
Por Redacción |
-
Culturgal 2020 abre o prazo de solicitude de casetas para estar no Pazo da Cultura entre o 27 e 29 de novembro
Por Redacción |
-
O 27 de novembro comezará Culturgal cunha mensaxe clara: "En caso de emerxencia, cultura"
Por Redacción |
-
O espazo público da cidade de Pontevedra xogará un papel fundamental na recuperación da actividade cultural
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |