Unha pontevedresa e un vigués formados en Belas Artes de Pontevedra gañan o XV Premio Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña
Por Redacción
A pontevedresa Begoña García-Alén González e o vigués Andrés Magán Zamorano, os dous formados na facultade de Belas Artes de Pontevedra, gañaron este ano o XV Premio Castelao de Banda Deseñada que concede a Deputación Provincial da Coruña nas modalidades xeral e infantil e xuvenil.
O xurado destaca a calidade das propostas dos dous autores tanto na súa aposta gráfica innovadora como na historia dos seus proxectos. Os dous autores teñen traxectorias similares, naceron en 1989, estudaron Belas Artes na Universidade de Vigo e comezaron a publicar banda deseñada en 2014.
O xurado destacou da obra Adeus amigos de Begoña García Alén (Pontevedra, 1989) a súa "aposta gráfica experimental vencellando a trama coa obra do artista Bas Jan Ader e pola mestura da historia gráfica dun artista coa historia dun neno dunha forma máxica. Gráfica sintética e minimalista".
En canto a As aventuras de Passer P. Malta, de Andrés Magán (Vigo, 1989), o fallo do certame fai fincapé en que se trata dunha "historia divertida, surrealista e máxica que ten un bo debuxo e que está protagonizada por animais antropomorfos que lembran os clásicos do cómic pero actualizados a nivel narrativo e gráfico".
O xurado escolleu estas obras entre as 42 presentadas ao certame, catro veces máis que a edición anterior. O premio consiste en 6.500 euros en cada modalidade máis a publicación da obra.
O xurado estivo composto pola editora de cómic de El Patito Editorial, Gemma Sesar, o responsábel de Komic Libraría, José "Pío" Barreiro, primeira libraría especializada en bd de Galiza fundada en 1987, a debuxante e ilustradora Bea Lema -gañadora do premio en 2017- e os gañadores do Premio Castelao de BD da edición do pasado ano, Martín Romero e Alberto Vázquez, co responsábel da área de Cultura da Deputación, Xurxo Couto, como secretario e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat, como secretaria.
Begoña García Alén é grao en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo e MA in European Art Practique. Desde o ano 2014 publicou Perlas del Infierno (Fosfatina, 2014), Lujo Infinito (Noche Líquida, 2014), La Cueva (Fosfatina, 2015), S/T (tres historias) (Noche Líquida, 2015), El Espectador (Tik Took Cómics, 2015-2018), Nuevas Estructuras (Apa-Apa Cómimcs, 2017), Unha Gran Dama Impasible (Noche Líquida, 2018), Nueva Mística de Vigo, (Noche Líquida, 2018), e Una puerta muy pequeña en una habitación (Noche Líquida, 2018).
Andrés Magán estudou Belas Artes na Universidade de Vigo e é Máster en Arte Contemporánea e Communication Design. Ilustrador e deseñador desde o ano 2012 até a actualidade, realizou traballos para diversas publicacións, institucións, marcas e selos musicais. Como autor de banda deseñada, desde o ano 2014 ata a actualidade ten publicado Griza Zono (Fosfatina, 2014), Optimización del Proceso (Ediciones Valientes, 2015), Cuento del Niño Bueno/Cuento del niño malo (Linterna Mágica, 2015), Los dos Amigos, (Fosfatina, 2016), Fragmentos Seleccionados (Apa-Apa, 2017), A Friend, (Kus! Comics, 2017) e Is your Jurney Really Necessary? (Colorama, 2018).