171 persoas interesadas na lingua galega participarán no programa Falamos
Por Redacción
171 persoas inscribíronse para participar no programa Falamos, despois da campaña informativa realizada con casetas en varias facultades do campus universitario de Pontevedra.
Esta proposta elaborada pola concellería de Normalización Lingüística, que xestiona Alberto Oubiña e pola área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo busca promover o uso da lingua galega como instrumento de socialización entre as persoas que forman parte da comunidade universitaria no campus da Xunqueira.
Das persoas interesadas, 131 son mulleres, o 76,6% e 40 homes. As principais motivacións para participar neste programa atópanse no interese por perfeccionar o seu manexo do galego e, en moitos casos, tamén sinalan que para defendelo.
A maioría dos participantes considéranse bilingües, 75 persoas. 63 cualifícanse como castelánfalantes e só 31 preséntanse como usuarios habituais de lingua galega.
Para apuntarse xa só queda a opción de facelo a través da páxina web snl.pontevedra.gal/falamos, un espazo no que as persoas que xa se inscribiron poden decidir en que actividades desexan participar a partir de finais deste mes de outubro.
Entre as actividades atópanse, entre outros, os clubs de lectura, cursos de cociña ou o voluntariado lingüístico, modalidade na que unha persoa que fala habitualmente galego mantén encontros unha vez á semana cunha que quere aprendelo e falalo con fluidez.