Oito sesións de "Fariña", prato estrela dun Ponteatro que regresa con cinco espectáculos
Por Alejandro Espiño
Non só de música vivirá a oferta cultural de Pontevedra no que queda de ano. O teatro tamén terá un protagonismo destacado. Será a través dunha nova edición do ciclo Ponteatro que, ata o mes de decembro, traerá á cidade cinco espectáculos escénicos.
O gran atractivo será, sen dúbida, a adaptación teatral de Fariña. Tras o seu éxito en Madrid, a obra regresa a Galicia e ofrecerá ata oito sesións -dúas por día en horario de tarde e noite- no auditorio do Pazo da Cultura. Será os días 10, 11, 12 e 13 de decembro.
Cun elenco encabezado por Xosé Antonio Touriñán, María Vázquez ou Marcos Pereiro, Fariña conta unha historia diferente ao libro de Nacho Carretero ou a serie televisiva pero, do mesmo xeito que en ambos os casos, moi vinculado ao mundo do narcotráfico en Galicia.
Con Fariña concluirá un ciclo de Ponteatro que arrancará o 22 de outubro coa comedia Vida de cans, unha montaxe de Talía Teatro na que os actores se converten nuns cans que, encerrados polo seu amo, reflexionan sobre as súas inquietudes e problemas.
Falar por falar, da compañía Volta e dálle, representarase o 12 de novembro. É un espectáculo que nos propón un achegamento á realidade da lingua galega, desde a propia vivencia dos falantes e os non falantes.
O 26 de novembro será a quenda de Camiños, proposta teatral creada por Butaca Zero, unha obra que reflexiona sobra o que significa Galicia no século XXI, se os tópicos galegos represéntannos e que implica a emigración para Galicia desde o pasado ata o de agora.
Ponteatro incluirá tamén na súa oferta a obra O meu mundo non é deste reino. Nela, Teatro da Ramboia fai unha adaptación da Farsa de Bululú de Manuel María, unha parodia da ditadura franquista. Poderase ver en Pontevedra o 3 de decembro.
Estes catro últimos espectáculos serán representados no Teatro Principal, ás 21.00 horas. Poñeranse 60 entradas á venda para cada un deles, a un prezo de 8 euros con descontos para estudantes, desempregados e xubilados, que pagarán 4 euros.
Por motivos de seguridade, para evitar aglomeracións e regular as entradas ao recinto, a venda das localidades deterase unha hora antes do inicio de cada espectáculo, polo que os organizadores recomendan adquirilas por anticipado.
Relacionadas:
-
"Fariña" continúa en Pontevedra a súa xira polos teatros de Galicia
Por Redacción |
-
"Fariña" suspende as oito funcións en Pontevedra, previstas para decembro
Por Alejandro Espiño |
-
O pianista Alberto Vilas actuará para 60 persoas no Principal o 15 de novembro
Por Redacción |
-
O teatro regresou ao Principal con 'Vida de cans'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O Pazo 'absorberá' a actividade cultural do Principal durante as obras de reforma
Por Alejandro Espiño |
-
Ele, Manel, SÉS e Carlos Núñez actuarán en Pontevedra no último trimestre do 2020
Por Alejandro Espiño |
-
Un novo servizo municipal coordinará a actividade do Pazo de Cultura e do Teatro Principal
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Pontevedra reformará o Teatro Principal e disolverá o organismo autónomo do Pazo da Cultura
Por Oskar Viéitez |