Piretrinas e bromadiolonas para conservar o pasado de todos
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia
Falar de desinfeccións preventivas nestes momentos de pandemia levan a pensar na covid-19. Con todo, nada ten que ver coa fumigación que se realizaba este venres no edificio do Paseo de Colón onde se sitúa o Arquivo Histórico Provincial. Once quilómetros de documentos custódianse neste inmoble. Papeis e pergamiños procedentes por tanto de materia viva que poden verse afectados por outros seres vivos.
Para preservar o seu óptimo estado realízanse de forma periódica estas fumigacións e mantéñense ademais unhas constantes condicións de temperatura, humidade e luz tanto nos depósitos, despachos e salas de consulta.
A actuación realízase cun anticoagulante, a bromadiolona contra as ratas, e peritrinas ou extracto de pelitre contra os insectos. Juan, con vinte e cinco anos de experiencia, encárgase diso perfectamente ataviado e protexido e con vinte quilos de peso ás súas costas.
Fumigacións contra termitas, vermes, arañas, carunchos, cascudas, lepismas... dos que conservan algúns exemplares para mostrar a quen realiza visitas organizadas ao Arquivo cales son estas posibles ameazas.
Son trece técnicos quen traballa neste arquivo dependente da Xunta. Un equipo moi conciso lamenta a súa directora, Carmen Corgo Solleiro, quen tamén manifesta unha aberta vocación de servizo á cidadanía: "se podemos servir e facelo ben é polo equipo que teño" reitera. E é que, a pesar da discrección coa que se mantén este Arquivo Histórico na capital, a importancia do servizo que presta non é irrelevante.
Unhas sete mil persoas requiren anualmente estes fondos. Conservan documentos de compravenda, herdanzas, catastros, protocolos notariais, institucionais... documentación que a administración require aos cidadáns en infinidade de trámites.
Como exemplo Carmen fai referencia a sentenzas favorables a particulares contra administracións públicas, - cuxos litixios foron moi mediáticos -, "e nas que os xuíces ditaron sentenza baseándose en documentos de hai case tres séculos". Tamén recibiron parte dos documentos procedentes da purga nos edificios xudiciais. Parte, dado de espazo que teñen, "o ano pasado só quedaban libres corenta metros lineais".
Ademais de todos eses documentos de utilidade administrativa para a poboación tamén hai unha custodia menos mundana: pergamiños do século XII con partituras musicais en cores; unha bula papal con selo de cobre de 1530; o testamento dun marqués escrito en galego que data de 1480; tumbos dalgúns mosteiros (documento que recolle as propiedades monásticas), ou os primeiros planos da ría de Pontevedra, de Vilagarcía ou Vilaboa de 1752.