"Nación", a película de Margarita Ledo sobre as mulleres de Pontesa, estrearase en Sevilla
Por Alejandro Espiño
O Festival de Cinema Europeo de Sevilla acollerá o próximo 10 de novembro a estrea de Nación, a última longametraxe da cineasta galega Margarita Ledo.
Rodado en gran parte en Ponte Sampaio, Nación é unha película que narra a historia das traballadoras da fábrica de cerámicas A Pontesa, xa pechada, e a maneira na que o acceso a este emprego industrial cambiou as súas vidas e proporcionoulles unha inédita autonomía.
O festival destaca que a través das enérxicas e carismáticas mulleres desta fábrica de cerámica Margarita Ledo constrúe un relato "emocionante, combativo e poético" dunha loita inconclusa polos seus dereitos laborais.
"É unha película que trata do moito que tardamos as mulleres en ter dereitos, non só en votar senón en acceder ao traballo asalariado e á posibilidade de ser independentes. En resumo, o moito que nos custou ser Nación", reza a descrición da película.
O retrato destas mulleres traballadoras ten ás actrices Mónica Camaño e Nieves Lusquiños como as súas protagonistas, ás que acompañan Mónica de Nut ou Xoana Pintos.
A película, que será proxectada na sección Las nuevas olas. No ficción do festival sevillano, conta ademais cunha banda sonora creada por Mercedes Peón.
Nación non é a única película galega que se estreará na décimo séptima edición do Festival de Cinema Europeo de Sevilla. Estará acompañada de Ons, a nova película de Alfonso Zarauza, que se verá na sección de Historias extraordinarias.
Relacionadas:
-
O filme 'Nación' sobre as traballadoras da Pontesa proxectarase o venres no Teatro Principal previa reserva de praza
Por Redacción |
-
Margarita Ledo, premio á mellor dirección no Festival de Sevilla pola película "Nación"
Por Alejandro Espiño |
-
O reparto e o director Alfonso Zarauza presentarán 'Ons' na apertura do Culturgal, antes da súa estrea nas salas comerciais
Por Redacción |
-
'Nación', a película sobre as mulleres que loitaron contra o peche de Pontesa, chegará ás salas comerciais en marzo
Por Redacción |
-
A película ‘Ons’, rodada por enteiro na illa, competirá no Festival de Cine Europeo de Sevilla
Por Redacción |
-
A 'Nación' de Margarita Ledo retoma a súa rodaxe en Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |