O Museo de Pontevedra organiza unha "semana lorquiana" para divulgar a relación de Lorca con Galicia
Por Redacción
O Museo de Pontevedra organizará entre os días 20 e 24 de outubro unha "semana lorquiana", unha actividade que por segundo ano consecutivo pretende divulgar a relación que tivo o poeta Federico García Lorca con Galicia.
Este programa, que inclúe iniciativas dirixidas tanto ao público adulto como ao infantil, estarán coordinadas pola compañía artística Polo Correo do Vento.
As actividades comezarán o martes 20 con contacontos ilustrados para escolares, sesións de narración oral vinculadas coa presenza de Lorca en Galicia e cos fondos do propio museo.
Na parte final, os escolares ilustrarán ao poeta granadino nun obradoiro de debuxo.
Para o público adulto, celebrarase a mesa redonda Federico García Lorca en Pontevedra. As iniciativas pedagóxicas e a revista Cristal. Será o xoves 22 ás 19:30 horas e proporá unha nova achega da visita de Lorca a Pontevedra e vinculada á exploración de iniciativas pedagóxicas da época tan ligadas á visita da Barraca como ás Misións Pedagóxicas e á revista Cristal.
Na mesa estará a libreira e escritora Mercedes Corbillón como moderadora e participarán como relatores o historiador e crítico de arte Ramón Rozas, o editor e escritor Henrique Alvarellos e o escritor Xosé María Álvarez Cáccamo.
A "semana lorquiana" rematará o sábado 24 cun roteiro titulado Lorca e a revista Cristal, que partirá á unha da tarde dende a Praza de San Xosé. Consistirá nun roteiro explicativo pola cidade de Pontevedra en relación á publicación da revista Cristal, que rematará no Museo.
Esta última actividade precisará de inscrición previa en gabinetedidactico.museo@depo.es.
Todas as actividades estarán marcadas pola actual pandemia da covid-19 e realizaranse coas medidas recomendadas polas autoridades sanitarias, entre elas, un reforzo da hixiene, un menor aforo ou a aposta por actividades ao aire libre.
Relacionadas:
-
O Museo recordará cunha semana de actividades a visita de García Lorca a Pontevedra hai 90 anos
Por Redacción |
-
A quinta Xornada de Onomástica que organiza a RAG poderá seguirse por streaming
Por Redacción |
-
Pontevedra reivindica ser 'cidade lorquiana' e visibiliza a pegada que Lorca deixou nas súas visitas
Por Alejandro Espiño |
-
Lorca en Pontevedra, unha pegada cada vez máis profunda
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |