Os de Algures e Sete Espadelas convidan a botar 'Unha ollada polas arcas pechadas' este venres no Principal
Por Redacción & Mónica Patxot
Carmen Fouces, concelleira de Cultura, vestía este martes unha indumentaria tradicional cedida por Os de Algures e Sete Espadelas para presentar o espectáculo 'Unha ollada polas arcas pechadas', que se poderá ver este venres 23 no Teatro Principal de Pontevedra.
José Luis Rodríguez, de Os de Algures, e David Quiñones, de Sete Espadelas, explicaron que nesta ocasión, a diferenza dos anos anteriores, non se pode realizar un macroespectáculo debido á situación provocada pola pandemia. No seu lugar, neste décimo aniversario de Os de Algures na cidade, vai realizarse un concerto breve de aproximadamente media ducia de pezas e unha pasarela con 30 traxes tradicionais.
Trátase de roupas do século XIX da colección da asociación Sete Espadelas, unha mostra dos máis de 100 traxes con pezas antigas e de gran importancia na tradición galega que conservan. Con esta proposta escénica dunha hora de duración queren amosar parte dese material que recolle unha salientable traxectoria destas agrupacións que suman xa 25 premios do traxe de Santiago e de investigación Antonio Fraguas, ademais de contar con gran número de seguidores como se puido comprobar na súa exposición no Museo de Pontevedra con máis de 11.000 visitas.
Para o espectáculo que comezará ás 20.30 horas deste venres no Teatro Principal haberá entrada limitada a 60 persoas. Por este motivo é necesario facer reserva previa a través dos correos electrónicos: osdealgures@gmail.com ou seteespadelas@gmail.com
A concelleira Carmen Fouces convidou a aprezar a espectacularidade de panos, corpiños e saias nesta pasarela e tamén a que todo o mundo busque pezas antigas nas casas como a que ela empregaba este martes cun pano da parte superior do tronco de lá sobre camisa de liño e falda de liño máis groso. Esta indumentaria contaba cunha característica especial, xa que todos os botóns da parte de arriba estaban abertos para facilitar a lactancia. "Todo estaba moi ben pensado, non como agora", sinalou a responsable de Cultura.