Convocado o concurso escolar contra a violencia de xénero para vídeo curto e fotografía
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, presentaba este mércores, acompañada da xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, Manuela Vilaboy, o concurso escolar de fotografía e vídeo organizado con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que se conmemora o vindeiro 25 de novembro.
Esta cuarta edición trae como novidades os formatos que deben ter as obras. "As tres primeiras edicións, o certame centrouse no debuxo e no relato, pero este ano quixemos empregar formas de expresión artísticas máis próximas á poboación máis nova: a fotografía e o vídeo curto", apuntaba a subdelegada, que engadía o dato de que en España case un 90 % dos adolescentes dispón dun teléfono intelixente e dedica diariamente 58 minutos a consumir e producir contido audiovisual.
"Os formatos elixidos este ano son os máis empregados nas redes sociais máis populares entre a mocidade: Youtube, Instagram e Tiktok. Os nativos dixitais prefiren os gráficos ao texto, polo que entendemos que este tipo de concurso adáptase mellor aos novos canais de comunicación dos adolescentes", afirmaba Larriba.
No certame poderá participar calquera escolar de ESO, Bacharelato, F.P. Básica, F.P. Ciclo Medio ou F.P. Ciclo Superior que estuden nalgún dos centros educativos da provincia de Pontevedra. O alumnado poderá presentar as súas obras en calquera das dúas modalidades de participación ofertadas: fotografía e vídeo curto dun máximo de 60 segundos de duración.
Todos os estudantes poderán remitir os seus traballos ata o próximo 8 de novembro de 2020 ás 17:30 horas ao seguinte enderezo electrónico: concurso25n.pontevedra@correo.gob.es.
Haberá un primeiro e segundo premio por cada modalidade, fotografía e vídeo, e categoría. A primeira categoría abrangue ao alumnado de ESO/FP Básica/Ciclo Medio; o primeiro premio consistirá nun ordenador portátil e o segundo nunha tablet. A segunda categoría inclúe aos estudantes Bacharelato e FP Superior; o primeiro premio será un ordenador portátil e o segundo un vale por un importe de cen euros. As bases legais do concurso poden consultarse na páxina web da Delegación do Goberno en Galicia.
A subdelegada do Goberno sinalou a importancia deste tipo de actividades entre a mocidade, xa que, "segundo os datos da macroenquisa de Violencia contra a Muller realizada o ano pasado, o 60,5 por cento das mozas ente os 16 e os 24 anos de idade sufriu nalgunha ocasión acoso sexual e o 34,7 por cento antes de cumprir os 15 anos. Unha cifra que tamén é elevada nas mulleres de entre 16 e 24 anos, xa que un 26,2 por cento delas sufriu acoso de maneira reiterada. No caso das menores de 18 anos, a cifra é dun 13 por cento".
Relacionadas:
-
Tres alumnas de Pontevedra, premiadas polo seu compromiso contra a violencia machista
Por Redacción |
-
Caldas dirixe a atención da campaña do 25N á poboación estudantil
Por Redacción |
-
Maica Larriba felicita os gañadores do concurso escolar contra a violencia machista
Por Redacción |
-
A violencia de xénero non entende de covid: 1.114 casos activos na provincia de Pontevedra
Por María José Pita |
-
Mabel Lozano estrea en Pontevedra a súa curta "Biografía del cadáver de una mujer"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
As chamadas ao teléfono 016 para vítimas de violencia machista duplicáronse durante o confinamento
Por Redacción |