Os músicos galegos reivindican en Pontevedra que a cultura "é segura" aínda que haxa "a quen lle moleste"
Por Redacción
Desafiando á covid-19 cunha gala con moitas medidas de seguridade, o sector da música en Galicia celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra a sétima edición dos Premios da Música Galega, no que se recoñeceron os mellores proxectos artísticos do ano.
A gala, que estivo conducida pola actriz e cantante Inés Salvado Gontad e foi retransmitida por streaming, tivo moita música en directo e momentos moi reivindicativos.
A este respecto, foron moitos os artistas que insistiron en que a cultura "é segura", pero lamentaron que haxa "a quen lle moleste".
A asociación Músicas ao Vivo, organizadores destes premios, alertou da "precaria situación" á que se vén abocados os artistas coas cancelacións de última hora, as "desmesuradas" reducións de aforo ou o peche dos locais de música en directo.
De aí que reclamaran que as administracións manteñan un "firme compromiso" coa cultura e se respecten os compromisos adquiridos. Ademais, pediron una "prestación extraordinaria" para os músicos autónomos ou a rebaixa do IVE cultural en toda a súa cadea de valor.
Esta sétima edición dos Premios da Música Galega reafirmou ademais a forza que teñen as mulleres na música galega, con premios entre outras para Guadi Galego, Carla Green & The Demons, Silvia Penide ou Najla Shami.
Destacou tamén, dentro da área de influencia de Pontevedra, o premio que obtivo El Náutico de San Vicente do Mar (O Grove), que foi recoñecida como a mellor sala de Galicia.
Os premiados nesta sétima edición dos Premios da Música Galega foron:
- Blues, Funk e Soul: Carla Green & The Demons
- Canción de Autor: Silvia Penide
- Metal: Broa
- Electrónica: Músculo!
- Jazz e Músicas Improvisadas: Manuel Gutiérrez Trío
- Música Tradicional: Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre
- Rock: Agoraphobia
- Pop e Indie: Guadi Galego e a Banda Somerxida
- Bandas de Música Popular: Banda de Música de Merza
- Música Infantil: Magín Blanco e a Banda das Apertas
- Músicas do Mundo: Najla Shami
- Música Folk: Caldo
- Orquestras, Grupos e Música de Verbena: América de Vigo
- Música Clásica e Contemporánea: Taller Atlántico Contemporáneo
- Reggae, Ska e Mestizaxe: High Paw & Elephants Yard
- Coros e Grupos Vocais: Coro Cantabile
- Músicas Urbanas: Laura Lamontagne & Picoamperio
- Salas: Naútico
- Festivais: Festival Agrocuir da Ulloa
- Proxectos de comunicación e difusión musical: Músicas Galegas Ilustradas
A noite pechouse coa entrega do Premio Honorífico á cantautora coruñesa María Manuela.
Relacionadas:
-
RADIO.- Trilitrate volve co seu terceiro disco que 'Está de grelo'
Por Marisa Ciordia |
-
Guadi Galego, Xabier Díaz e Milladoiro, grandes apostas do Musigal 2021
Por Redacción |
-
RADIO.- Cara a cara: Sara Abilleira asina 'Resistiré', un dos poucos musicais que se exhiben en Madrid
Por Redacción |
-
Unha residencia artística, novo proxecto de El Náutico para "fortalecer" a súa oferta cultural
Por Alejandro Espiño |
-
A Sociedade Filarmónica de Pontevedra suspende os seus concertos de novembro
Por Redacción |
-
Os Premios da Música entregaranse en Pontevedra o 21 de outubro
Por Alejandro Espiño |