A Deputación subvencionará actividades de posta en valor do patrimonio marítimo fluvial
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha liña de subvencións destinada a entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial da provincia.
A deputada de Patrimonio, María Ortega, explica que a intención é fomentar a recuperación de bens de interese que integran o patrimonio relacionado co mar e os ríos na provincia, "que conta cunha grande riqueza e singularidade que é preciso preservar e difundir".
Desde a Deputación infórmase que poderán recibir a axuda económica os traballos de rehabilitación en embarcacións tradicionais (tratamento da embarcación, recuperación de determinadas partes deterioradas, reparacións, montaxe de electricidade, traballos de carenado e pintado, entre outros) co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de manter elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación.
Así mesmo, tamén se inclúen todos aqueles accesorios e equipamento das embarcacións que sexan de investimento (baterías, motor, depósitos, aparellos, velas, obenques, quilla, drizas, equipamento de salvamento...). As embarcacións deberán sempre destinarse a actividades de promoción sociocultural ou musealización.
Outras das actuacións subvencionadas serán as obras de restauración e conservación de artes e aparellos de pesca e marisqueo tradicionais, ferramentas e maquinaria, instrumental de navegación, útiles de comunicación e sinalización, cordonería, artesanía e demais elementos vinculados á cultura marítima e fluvial, todos eles destinados a actividades de musealización ou difusión social e cultural.
Amais, incluiranse nas axudas as intervencións realizadas sobre as distintas construcións e instalacións de terra (almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras), mostras da arquitectura industrial e popular marítimo fluvial na provincia, para seren reconvertidas en espazos culturais.
As axudas desta liña do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, explica Ortega, teñen un orzamento de 150.000 euros e o importe máximo da subvención para cada actuación non poderá exceder do 80% do seu custe total e tampouco non superar o importe de 10.000 euros. No caso de que os proxectos financiados non esgoten a partida orzamentaria, poderá superarse o límite de dez mil euros por proxecto (sempre que non se supere o 80 % do orzamento), baixo criterios de proporcionalidade e respectando a concorrencia competitiva, así como a valoración técnica do proxecto.
As subvencións poderán solicitarse unha vez se publiquen oficialmente as bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO), data a partir da que haberá un mes de prazo para a entrega da documentación. Poderán acceder á subvención mediante concorrencia competitiva as entidades sen ánimo de lucro que teñan entre os seus obxectivos a posta en valor do patrimonio marítimo fluvial de Galicia, que realizasen as súas actuacións ao longo de 2020 e que empregasen solucións construtivas de deseño tradicional e orixinal, ademais de materiais que lle sexan propios, quedando excluídas da convocatoria os usos para a pesca ou a acuicultura, aceptándose o emprego dos bens recuperados para a navegación tradicional en regatas, encontros ou actividades de formación.