A Praza do Teucro e Montero Ríos pecharán nos próximos días para rodar a serie "Un asunto privado"
Por Redacción
Varias áreas do centro histórico estarán cortadas nos próximos días para que o equipo da serie Un asunto privado poida gravar en diferentes espazos públicos da cidade de Pontevedra.
O plan de Bambú Producciones, responsable desta serie para Amazon Prime, mudou nas últimas horas e descartáronse as localizacións na Praza da Ferrería e na Rúa do Barón, que estaban previstas para este mércores 28 de outubro.
A rodaxe, que comezou nas últimas horas coa gravación de escenas en interior nun edificio da rúa Michelena, vaise a retomar o xoves día 29 na Praza do Teucro.
Esta praza estará pechada entre as sete e media da tarde e as sete da mañá, segundo confirma o Concello de Pontevedra, que apunta a que a gravación non se verá afectada polo toque de queda, xa que se respectan as actividades profesionais.
O venres, pola súa banda, o corte afectará a todo o ámbito da avenida Montero Ríos entre as oito da tarde e as sete da mañá do sábado.
Todos os cortes de tráfico estarán indicados a través de sinalización e por persoal do equipo da produtora responsable de esta serie, que está protagonizada por Aura Garrido e o actor francés Jean Reno.