Unha homenaxe a Hitchcock e a revisión francesa do xénero negro enchen o outono do cine
Por Redacción
Coas limitacións de aforo ás que obriga a crise sanitaria, o cinema mantén un ano máis un papel protagonista na programación cultural promovida pola Vicerreitoría do campus.
O seu tradicional ciclo de outono estará dedicado este ano ao director Aldred Hitchcock, coincidindo co 40 aniversario do seu pasamento, e a este súmase o ciclo que a Vicerreitoría dedica cada curso ao cinema francés, inicialmente previsto para a pasada primavera.
En conxunto, 18 filmes que, a partires deste venres e ata finais de xaneiro se exhibirán tanto na sala de conferencias da Vicerreitoría, cun aforo limitado a 15 persoas, como no Teatro Principal, grazas á colaboración do Concello, neste caso cun aforo de 60 persoas.
Con entrada gratuíta ata cubrir as prazas por orde de chegada, este venres 30 dará comezo o ciclo Alfredo o grande, o monográfico dedicado ao cineasta británico, conformado por dez proxeccións, programadas na súa maioría para os venres ás 19.00 horas. A partires do vindeiro xoves, a esta proposta sumarase A poética do cine: O cinema polar, un ciclo de cinema francés integrado por oito sesións, previstas na súa maioría para as tardes dos xoves.
HITCHCOCK
A proxección, na sede da Vicerreitoría, de Sabotaxe (1942) abre este venres 30 o ciclo dedicado a Hitchcock.
Tras Sabotaxe, o ciclo trasládase o venres 6 ao Teatro Principal para exhibir Vertixe (1958). Tamén en novembro poderanse ver A sombra dunha dúbida (1943), Marnie, a ladroa (1964) e Estraños nun tren (1951), os días 13, 20 e 27, respectivamnente; retornando de novo o ciclo ao Teatro Principal o luns 30, para ver Pero... quen matou a Harry (1955).
Nese mesmo espazo exhibirase, o luns 7 de decembro, Os paxaros (1963) e, xa en xaneiro, o ciclo pecharase con O home que sabía demasiado (1950), Enviado especial (1940) e Frenesí (1972), os venres, 8, 15 e 22.
CINEMA FRANCÉS
O vindeiro xoves 5 abrirá o ciclo, Roubaix, une lumière (2019), de Arnaud Desplechin.
A programación continúa o 12 de novembro con Le Doulos (1961), de Jean-Pierre Melville, e coa exhibición, o venres 19, de Les Salauds (2014), de Claire Denis, o único filme do ciclo que poderá verse no Teatro Principal.
O 26 de novembro proxectarase Le Mariée était en noir (1967), de Truffaut, mentres que para o venres 4 de decembro programouse L´Horloger de Saint Paul (1974), de Bertrand Tavernier.
Tamén en venres, o 11 de decembro poderá verse Les Diaboliques (1954) de François Clouzot, completándose o ciclo en xaneiro, os xoves 21 e 28, coa opera prima de Costa Gavras Compartiment Tueurs (1965) e co filme de Robert Bresson L´Argent (1983).