30 anos da Facultade de Belas Artes, vistos a través da ollada 'De mestras e mestrados'
Por Redacción
Oito profesoras-artistas e oito estudantes de Belas Artes son os protagonistas da exposición 'De mestras e mestrados', que se pode visitar desde este xoves 29 de outubro ata o 24 de xaneiro no claustro do edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra.
Este xoves presentábase esta mostra artística no Sexto edificio do Museo coa presenza de Xosé Manuel Rey, director do Museo; Jorge Soto, vicerreitor do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo e o comisario da exposición José Manuel Pérez Buján.
'De mestras e mestrados' xorde con motivo da celebración dos 30 anos de existencia da Facultade de Belas artes en Pontevedra. Cada ano, o Museo acolle unha mostra dos traballos de fin de estudos do alumnado que remata o Mestrado en Arte contemporánea, Creación e Investigación. Pero nesta ocasión, unha selección entre as profesoras do centro que imparten ou impartiron clases nese Mestrado conforman o aspecto central desta exposición.
Cada unha destas docentes escolleu algún estudante co que atopa unha especial conexión creativa e, desta forma, pode verse nesta exposición a proxección artística entre o profesorado e o alumnado.
José Manuel Pérez Buján, comisario desta mostra, indicou que a selección das profesoras-artistas recolle o mellor da profesión artística actual e todas elas contan con carreiras profesionais de categoría tanto en Galicia como no ámbito internacional. Neste sentido, Pérez Buján explicou que, en colaboración con Fátima Cobo, "quería mirar cara elas porque foron guiando e acompañando os proxectos do alumnado. E este diálogo e mutuo recoñecemento das súas discípulas amosan un enriquecemento mutuo".
As profesoras escollidas son Loreto Blanco Salgueiro, Mar Caldas, Marisa Fernández, Almudena Fernández Fariña, Yolanda Herranz Pascual, Anne Heyvaert, Chelo Matesanz e Mónica Ortuzar que, ao mesmo tempo, seleccionaron entre o seu alumnado a Abi Castillo, Nilo Arias, Cristian Benítez, Isabel Flores, Celeste Garrido, Yatir Fernández., Xoana Pousa e Amaya González Reyes.
Tanto o director do Museo como o vicerreitor da Universidade de Vigo apuntaron a que a relación entre ambas as entidades é indisoluble e irá a máis nos próximos anos coa intención de aspirar a poñer en marcha proxectos europeos.
Relacionadas:
-
Piden imaxes e documentos para retratar os 30 anos de memoria colectiva da Facultade de Belas Artes
Por Redacción |
-
Belas Artes celebra o seu trixésimo aniversario protagonizando a reapertura do museo de CGAC
Por Redacción |
-
Artistas formados na Facultade de Belas Artes falarán ‘Arredor do parado’ co alumnado
Por Redacción |
-
Chega a Pontevedra a mostra 'Facer camiño' como metáfora do proceso creativo
Por Redacción & Mónica Patxot |