'Vinte coa lingua', o Correlingua celebra o 20 aniversario cun formato virtual e presencial
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O 'Correlingua' chega a súa vixésima edición que, nesta ocasión, está sometida aos condicionantes derivados da pandemia. Baixo o lema 'Vinte coa lingua', as actividades durante os vindeiros meses serán tanto presenciais como virtuais con retransmisión en streaming a través da canle Youtube para que todos os centros escolares de Galicia fagan seguimento e reivindiquen o dereito a vivir en galego.
Este venres presentábanse na Deputación de Pontevedra as actividades organizadas co apoio das deputacións de Coruña, Lugo e Pontevedra. A programación foi ofrecida por María Ortega, deputada de Lingua, acompañada polo concelleiro de Normalización Lingüística en Pontevedra, Alberto Oubiña, así como con representantes da entidades organizadoras: o presidente da Asociación Cultural Correlingua, Anxo Terán; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; e o secretario comarcal CIG-Ensino (Pontevedra), Xacobe Rodríguez.
As actividades tiveron que trasladarse das datas previstas de maio ata o mes de novembro, tal e como apuntaba María Ortega. Anxo Terán destacaba que "non podiamos parar, menos neste noso novo vixésimo aniversarios" e lembrou que o 7 de marzo había máis de 12.000 estudantes inscritos para participar no Correlingua de maneira presencial, polo que animou a que agora se apunten ás redes para vivir a experiencia de forma virtual.
O presidente do colectivo organizador dedicaba esta edición ao alumnado e ao profesorado, ademais das administracións e invitou a todos os participantes a espallar o idoma con apertas virtuais, con música, poesía, manifestos, banda deseñada e relatos. Tivo palabras tamén de agarimo cos artistas que acompañan esta actividade e que están a pasar momentos complicados por mor da pandemia.
Pola súa banda, Marcos Maceiras lamentou que a día de hoxe aínda haxa limitacións dos contidos en galego para a rapazada e a mocidade, cunha programación da TVG limitada, motivo polo que a Mesa puxo en marcha a campaña para ter unha canle do Xabarín para a rapazada, dobraxes en galego e outras melloras no audiovisual e a cultura. Por último, o concelleiro Alberto Oubiña agradeceu ao CEP Santo André de Xeve que o 18 de novembro reciba o Correlingua, ao aire libre e loubou o papel do profesorado e do alumnado durante os días de confinamento.
As actividades Correlingua comezarán o vindeiro xoves día 5 en Narón, e pasarán despois por Pontevedra, A Estrada, Moaña, Vigo, O Rosal, Lugo, Xove, Rianxo, Zas, A Coruña e Ourense, contando con actuacións dos grupos e artistas ‘Ce Orquestra Pantasma’, Aldaolado, Luís Caruncho, A Gramola Gominola, os grupos gañadores do Cantalingua Cuarta Xusta, Monolius Dop e Birlibirloque.
Na provincia de Pontevedra empezarán as actividades o día 12 en O Rosal, no CPI Manuel Súarez Marquier, onde actuará a Cé Orquestra Pantasma. Xa o día 18 será a quenda do CEIP de Xeve, onde estará o grupo gañador do Cantalingua (Cuarta Xusta) e Luis Caruncho. Logo será a festa de Moaña no centro socio cultural Daniel Castelao o día 19, coa actuación da actriz Isabel Risco, que conducirá e animará a festa e o concerto da Gramola Gominola.