O pianista Alberto Vilas actuará para 60 persoas no Principal o 15 de novembro
Por Redacción
O Teatro Principal acollerá o domingo 15 de novembro un concerto no que o pianista Alberto Vilas presentará o seu primeiro traballo en solitario, o disco Na ialma. Será ás 20.00 horas e o aforo estará limitado a 60 persoas, debido ás restricións da covid-19.
Na ialma é, segundo destaca o propio Vilas, o seu traballo mais íntimo e persoal e está formado por temas compostos ao longo do tempo e que agora "saen como do ventre dunha nai" e de aí o título do disco.
Este proxecto musical, concibido para amosarse en espazos onde o silencio natural enmarque a obra, carballeiras, atrios, mosteiros ou prazas particulares lonxe do ruído, foi estreado no Carballo das Cen Pólas -unha popular carballeira redondelá- e chega agora mantendo o concepto ao Teatro Principal.
As entradas están á venda a un prezo de 8 euros en Ataquilla.com, catro para estudantes, desempregados e xubilados. De non completarse a venda, o mesmo día do espectáculo poderán adquirirse entre as seis e as sete da tarde.
Entregado á música dende os 15 anos, Alberto Vilas gravara ata agora a súa obra dentro de diferentes formacións de jazz, xénero ao que dedicou varios anos de aprendizaxe no Seminario de Jazz de Pontevedra e en numerosos cursos de especialización.
É autor das bandas sonoras de varios documentais e ten colaborado en discos de artistas moi diversos como Uxía, Sonia Lebedinsky, Magín Blanco, Tino Baz ou o gaiteiro Xulio Lorenzo.
Relacionadas:
-
O teatro regresou ao Principal con 'Vida de cans'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O Pazo 'absorberá' a actividade cultural do Principal durante as obras de reforma
Por Alejandro Espiño |
-
Oito sesións de "Fariña", prato estrela dun Ponteatro que regresa con cinco espectáculos
Por Alejandro Espiño |
-
Ele, Manel, SÉS e Carlos Núñez actuarán en Pontevedra no último trimestre do 2020
Por Alejandro Espiño |