Meaño adapta o pavillón de Xil como local de ensaio da Banda Unión Musical
Por Redacción
As medidas sanitarias fronte o coronavirus implican seguir un protocolo que asegure que as persoas que participan en actividades colectivas autorizadas en espazos pechados garden as debidas distancias.
Neste contexto, os preto de 150 integrantes da Banda Unión Musical de Meaño atopábanse con dificultades para contar cun local de ensaio axeitado.
A resposta veu por parte do Concello de Meaño, que acordou transformar o pavillón de Xil coa instalación de 500 metros cadrados de tecidos acústicos que permitirán á banda realizar alí os seus ensaios.
Esta fin de semana comezaron os ensaios. Primeiro foi a banda de música infantil na noite do venres, seguida da banda xuvenil o sábado pola mañá e a Banda Unión Musical de Meaño en dous quendas, para madeira e metal, o sábado pola tarde.
Segundo informan fontes municipais, "as teas acústicas, cunha gramaxe suficiente para absorber a reverberación propia dun pavillón construído para outros fin, recrean un escenario de 500 metros cuadrados con 6 metros de alto, co teito tamén cuberto para facilitar unhas condicións óptimas para os ensaios".
Ademais, sobre as pistas, dispuxéronse cadeiras e atrís para cada músico, cunha separación de tres metros entre cada un deles para garantir sobradamente a distancia social obrigada.
O alcalde de Meaño, Carlos Vieitez, explicaba así cales foron os pasos para atopar unha solución aos músicos: "falamos cunha empresa de Barro que conta con experiencia no mundo do espectáculo e montando estruturas similares, así que non o pensamos e apostamos por esta solución. Meaño conta cunha profunda tradición musical que hai que mimar e temos moitos nenos e rapaces que precisan gozar deses ensaios dentro da nova normalidade".
Relacionadas:
-
Medio millón de euros para a transformación integral do pavillón de Meaño
Por Redacción |
-
Un pediatra, melloras no colexio e máis seguridade viaria son as peticións de Meaño á Xunta
Por Redacción |
-
O alcalde de Meaño esixe unha solución definitiva para o pavillón de Dena
Por Redacción |
-
O ciclo 'Cultura no Camiño+' leva 17 actuacións a Vilanova, O Grove, Sanxenxo, Portas, Meaño e Caldas
Por Redacción |
-
Meaño cancela as festas e deseña unha programación alternativa
Por Redacción |