A pontevedresa Sara Abilleira estreou este novembro o seu primeiro musical. Escribiu 'Resistiré' antes de que se instalase a pandemia e por tanto, antes de que a canción do Dúo Dinámico pasase a ser un himno e tamén un tedioso recordo do confinamento domiciliario. Desde Madrid, a capital na que se instalou para estudar Xornalismo en 2003 charla con PontevedraViva Radio.
A insatisfacción que lle proporcionaba a profesión xornalística fixo que o deixase e que como 'freelance' conectase co sector musical e teatral. Avatares da vida trouxéronlle a oportunidade de sacar adiante este proxecto no momento máis complexo imaxinable. 'Resistiré' mostra moitos valores di neste Cara a cara: "un deles é esa loita que temos agora coa cultura, de seguir levándoa adiante e apoiándoa nestes momentos tan complicados".
O Espazo Raro, no recinto Ifema madrileño, é o emprazamento no que están a ofrecer estas funcións cunha sobresaliente crítica do público, comenta. Por agora o musical non contempla facer xira, pero ela ten a ilusión de poder ofrecer este musical na súa cidade, Pontevedra. Un musical que como tal resulta "unha festa constante" cunha revisión aos 80 e 90.
Mentres tanto, o espectáculo aínda terá percorrido ata o mes de decembro e antes de que termine este 2020, Sara Abilleira conta con publicar a súa primeira novela.