Margarita Ledo, premio á mellor dirección no Festival de Sevilla pola película "Nación"
Por Alejandro Espiño
Nación, a película que narra a loita das mulleres da fábrica de cerámica Pontesa, foi premiada no Festival de Sevilla, o lugar onde se produciu a súa estrea oficial.
O xurado da décimo sétima edición do certame recoñeceu a súa directora, Margarita Ledo, elixindo o seu traballo como merecedor do galardón especial á mellor dirección dun filme cuxa estrea nacional se producira neste festival.
Lourdes Palacios, portavoz do xurado, destacou que a película é un "preciso alegato" á memoria das mulleres galegas que traballaron nas fábricas da incipiente modernización do século XX e que despois "sufriron as consecuencias" da reconversión industrial.
Ademais da "delicada aproximación" da película a esta historia, o xurado fixo unha mención especial ao tratamento sonoro do filme, que "é crucial para reafirmar o impresionante valor das imaxes que compoñen este documental".
As circunstancias derivadas da pandemia fixo que Margarita Ledo e o equipo que a ía acompañar non puideran viaxar ata Sevilla, polo que tivo que agradecer o seu premio mediante unha conexión pola vía telemática.
Tras destacar o traballo de todas as actrices da película, entre elas Nieves Lusquiños -ex traballadora da fábrica-, a directora da película explicou que sentía este premio como un recoñecemento a todas as persoas "para as que o cine é un lugar onde posar a cabeza".
Nación, engadiu Ledo, é un filme que fala das mulleres galegas "que descubriron a importancia de ter dereitos e defendelos" e que foron "expulsadas e condenadas de novo ao silencio". Elas foron, engadiu, precursoras das actuais mobilizacións do 8 de marzo.
"A película fala do que tardamos as mulleres en ter dereitos e a posibilidade de ser independentes", explicou a directora, que tamén é a responsable do guión da película, que se estreou en Sevilla cunha moi boa resposta do público e da crítica.
Desde a produtora Nós, responsable da película, destacan que "estamos moi orgullosas do filme e sabemos que isto acaba de comezar".
Recordan que Nación "é un traballo de moitos anos de Margarita" e este premio vén a confirmar o bo facer da directora e tamén a aposta por películas "que contan historias de aquí e na nosa lingua propia".
Relacionadas:
-
O cine de Pontevedra estrea "Nación", a película de Margarita Ledo sobre as mulleres da Pontesa
Por Alejandro Espiño |
-
'Nación', de Margarita Ledo, presentouse no Teatro Principal dentro dos actos de 'Novembro, mes da memoria'
Por Redacción |
-
O filme 'Nación' sobre as traballadoras da Pontesa proxectarase o venres no Teatro Principal previa reserva de praza
Por Redacción |
-
'Nación', a película sobre as mulleres que loitaron contra o peche de Pontesa, chegará ás salas comerciais en marzo
Por Redacción |
-
"Nación", a película de Margarita Ledo sobre as mulleres de Pontesa, estrearase en Sevilla
Por Alejandro Espiño |
-
A 'Nación' de Margarita Ledo retoma a súa rodaxe en Ponte Sampaio
Por Alejandro Espiño |