Convivencia e desconexión nun "refuxio" musical bañado polo Atlántico
Algo ten El Náutico de O Grove para que, cada verán, artistas consagrados fagan cola para actuar nel. O que vai, repite. Agora, este "refuxio" musical dá un paso máis e estrea unha residencia artística con aloxamento, escenarios a pé de praia e estudo de gravación con vistas ao Atlántico.
"O que quero é devolver aos músicos todo o que me axudaron a crecer estes anos e a ter unha sala consolidada que funciona", explica a PontevedraViva Miguel de la Cierva, propietario de El Náutico, unha sala a pé de praia que se aproxima xa á súa terceira década de actividade.
Habituais como Iván Ferreiro, Leiva, Vetusta Morla, Love of Lesbian, Coque Malla ou Jorge Drexler "déronme soporte para que isto aguante", recoñece De la Cierva. Agora, a través desta residencia artística, "eu pódollo dar a artistas que non están tan ben posicionados".
A idea, asegura o seu responsable, "cobrou forma" hai un ano coa compra dunha casa que restaurou por completo e que, nos meses de verán, "solucionábame a necesidade de espazo para aloxar aos músicos que veñen tocar".
"Quería que este lugar gañase como lugar onde ocorren cousas interesantes, máis aló dos concertos no verán", afirma o propietario de El Náutico. E por iso, ao contar co seu propio estudo de gravación, pensou en ofrecer este espazo como "estación de traballo" no inverno.
A residencia está pensada para ser un "espazo de convivencia" entre artistas que queiran "desconectar" para compoñer, gravar discos, realizar colaboracións ou ensaiar os seus concertos. Todo, a través de "acordos xustos para eles e sostibles para min", asegura De la Cierva.
"Buscamos que haxa unha contorna de intimidade e convivencia para que, máis aló das horas de encontro no bar, poidan comer coas súas familias ou darse un baño na praia", engade o impulsor deste proxecto. En definitiva, "que os artistas pasen aquí bos momentos".
A banda madrileña Morgan tivo a honra de "inaugurar" este proxecto. No Grove realizou a preprodución do seu novo álbum. Agora, os seus inquilinos son catro artistas consolidados que gravarán xuntos un disco. Trátase de Julián Maeso, Adrián Costa, Alberto Anaut e Juan Zelada.
"EL NÁUTICO TEN ALGO MÁXICO", DIN OS RESIDENTES
"El Náutico é como a nosa casa. Ten algo máxico. Hai unha enerxía que che atrapa", explica Maeso, que nun descanso da gravación revelou a PontevedraViva que "tomamos a decisión de xuntarnos aquí este verán" e, a partir de aí, "foise fiando sen ser premeditado".
Asegura que, tras dez anos liderando o seu propio proxecto musical, "necesitaba un sopro de aire fresco, dar un paso atrás e non ser a cabeza visible". Os catro estaban igual. E o parón polo confinamento, que lles proporcionou ter máis tempo libre, fíxoo posible.
Se estivesen a traballar como antes, recoñece o artista toledano, "non sería posible cadrar as axendas". E todo confluíu no Grove. Alí foron os seus primeiros ensaios xuntos e os seus primeiros concertos, nos que tocaban temas de cada un deles e versionaban clásicos.
"Quedou un espectáculo moi bonito, moi dinámico e moi divertido", afirma Adrián Costa, que subliña que agora "estamos a tentar realmente darlle unha forma a este proxecto". A praia, engade, "é un sitio perfecto para o que estamos a facer".
E é que, como recoñece Alberto Anaut, "non tiña sentido meterse nun estudo nun polígono industrial para falar", porque traballan en algo "que non estaba escrito cando nos metemos a gravalo", composto de ideas "que tiñamos e que non pecharamos".
O mellor para iso, segundo Juan Zelada, era "abstraernos un pouco do mundo e vir aquí sen xente para crear os catro xuntos e recuperar a esencia que nos uniu", acomodando a orixe musical americano e anglosaxón de todos eles "a un repertorio máis castelán e latino".
"Esta adaptación tennos a todos nunha tensión positiva moi chula", afirma Zelada, que destaca que ningún toca os seus instrumentos habituais, o que lles leva a "tirar de musicalidade e que toque quen queira o que queira ", o que lle dá "máis vidilla" aos seus temas.
Poñerse todos "ao servizo da canción" é o espírito desta banda que promete, segundo Anaut, "non tocar temas que compartimos con outros" e afacerse a "baixar o pistón" e aceptar que "o que trae a canción ten que abrirse a que a arranxen os outros tres" algo que, ás veces, "custa un pouco porque somos catro tipos afeitos a liderar".
Os catro continuarán no Grove durante varios días máis. "Pasa sempre con este lugar. Vés para tres días e quedas dúas semanas", afirman entre risas. Moi pronto, iso si, deberán deixar o seu oco a novas bandas e artistas que xa reservaron este espazo.
ACTIVIDADES FÓRA DE TEMPADA
Pero a residencia artística do Náutico non quedará aquí. "Estamos a estudar a posibilidade de utilizar a sala como escenario ou estudio para facer concertos en streaming", desvela De la Cierva. Que a xente pague unha entrada para ver o concerto desde as súas casas.
"Hai xa toda unha xeración que está moi afeita consumir contidos online", explica o empresario. "É unha vía que queremos explorar", engade, xunto coa posibilidade de financiar a gravación de discos de grupos noveis mediante un sistema de micromecenado.
Dentro destes plans tamén figura a opción de "abrirse un pouco máis" e apostar por actividades de formación non regrada "aproveitando os músicos que veñen aquí a tocar", organizando cursos de produción musical, obradoiros de guitarra ou charlas sobre composición.
A idea, conclúe a alma de El Náutico, é "picar un pouco de todo" e organizar actividades fóra de tempada "sen máis criterio que resulte apetecible e interesante".
Relacionadas:
-
Convócanse as primeiras residencias artísticas no Náutico de San Vicente
Por Redacción |
-
El Náutico e Pepe Solla alíanse para maridar música e gastronomía no Grove
Por Alejandro Espiño |
-
Uxía e Javier Ruibal gravan no Grove un disco dedicado a Rosalía e Lorca
Por Alejandro Espiño |
-
Unha residencia artística, novo proxecto de El Náutico para "fortalecer" a súa oferta cultural
Por Alejandro Espiño |
-
El Náutico do Grove quere "decrecer" e aposta por bandas residentes, espontaneidade e sorpresas para este verán
Por Redacción |